Durante a realización esta mañá de 18 de xullo da ruta literaria e musicada “Quiroga, territorio literario”, inaugurábase na vila unha sinalización en recoñecemento ao poeta do Courel, Uxío Novoneyra, como integrante deste percorrido.
Así, a súa estela, colocada diante do establecemento “El Derroche”, era inaugurada polo seu fillo, Uxío Novo, e polo alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, que estaban acompañados da Corporación municipal. A escolla deste lugar non era ao azar, xa que nel o poeta courelao acostumaba esperar o autobús cando saía destas terras.
Na súa intervención, Uxío Novo falou da vinculación do poeta con Quiroga e con moitos quirogueses aos que unía a amizade e de que este punto foi o escollido por supoñer unha parada obrigada para o poeta canda saía e chegaba para a súa casa de Parada do Courel.
Pola súa banda, alcalde quirogués, José Luis Rivera, cualificou esta xornada como “un día moi importante para Quiroga, polo que hai que darlle a relevancia que ten”.
Na web do Concello de Quiroga, no apartado dos museos de Quiroga “Arte no Ar, Quiroga, territorio literario”, ademais da información sobre o poeta pódese escoitar algunha das súas creacións mesmo na súa voz, gravación que tamén se puxo neste acto inaugural que tamén acolleu o recitado dun dos seus poemas polo seu fillo.

Esta nova estela incorpórase á ruta grazas á financiamento do Plan de Sostibilidade Turística do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, que xa financiara a posta en marcha desta ruta coa sinalización dos lugares vencellados a Pura e Dora Vázquez, Eduardo Moreiras, Ernesto Guerra Dacal, Luis Losada, Ánxel Fole é Manuel María.
Nesta ocasión, a ruta “Quiroga, territorio literario”, que pertence a Asociación RELIGA de Casas, Museos, Fundacións e espazos literarios de Galicia; estaba conducida pola escritora Celia Díaz e musicado por Xavier Blanco da Fundación Legar.
A ruta literaria
O roteiro que se desenvolvía esta mañá levaba aos participantes a visitar os lugares relacionados con oito escritores que se viron, en maior o menor grao, influenciados polo microcosmos das terras quiroguesas. A organización desta actividade poñía a disposición dos participantes un autobús para achegarse á Veiguiña e ao Hospital, percorrendo a pé só os emprazamentos do casco urbano de Quiroga no entorno da praza Maior.
Fotos: Concello de Quiroga.