En portadaÚltima hora

O “polígono nunca visto” de San Cibrao abre as portas

Esta exposición desenvolverase os días 1 e 2 de abril en Expourense
Imaxe do acto inaugural.
Imaxe do acto inaugural.

Os días 1 e 2 de abril o recinto feiral de Expourense acollerá a mostra “O polígono nunca visto”. Con ela preténdese achegar ao público a importancia e valor do labor empresarial do Polígono de San Cibrao das Viñas, que está a celebrar o seu 50 aniversario. A exposición conta con 80 empresas do polígono de San Cibrao que exhiben os seus produtos e experiencias empresariais, e ademais o programa de actividades abrangue espectáculos científicos, demostracións, mesas redondas e conferencias sobre emprendemento e innovación, así como un foro de emprego con actividades referidas ao mercado laboral.

O acto inaugural, celebrado na mañá do 1 de abril, contaba coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, que aseguraba que este polígono é o epicentro empresarial da provincia de Ourense, “cunha historia de éxito que debemos coidar e protexer”. Núñez Feijoo explicaba que neste recinto empresarial “traballan a metade das medianas empresas da provincia e que nel están instaladas a metade das empresas industriais de Ourense”. Tamén recordaba que neste polígono ourensán se atopa un dos cerebros económicos de Galicia, o Parque Tecnolóxico que a Xunta impulsou en 1993.

Asemade interviña na inauguración o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que reafirmaba “a alianza estratéxica que mantén a institución provincial co Polígono de San Cibrao, motor económico da provincia”, e subliñaba a importancia dos proxectos que ámbalas dúas entidades desenvolven conxuntamente, entre os que citaba o Servizo de Emerxencias que a Deputación sufraga no recinto empresarial, “unha colaboración público-privada que puxo en marcha a Deputación de Ourense hai 50 anos e que se visualiza en proxectos que favorecen o crecemento e o impulso competitivo do Polígono de San Cibrao”.

Pola súa banda, Elías Mera, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao sinalaba que esta feira empresarial “ten como obxectivo abrir as portas das empresas do noso recinto empresarial para que a cidadanía coñeza as experiencias e os produtos dunha significativa parte do sector empresarial ourensán”, e restalba que na súa plena madurez “o polígono de San Cibrao segue crecendo sólido, estable e de maneira continua, sendo o referente do emprego na provincia de Ourense, con máis de 8.000 postos de traballo”.

O acto inaugural contaba tamén coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández; do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Dieter Moure; do presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canal, e do conselleiro de Industrial Francisco Conde, entre outras autoridades.

Artigos relacionados

Back to top button