PolíticaÚltima hora

O PP de Ourense pide no Congreso un “plan de choque urxente” ante o estado “de risco” da estrada N-120

Cedida.

Os deputados do PP de Ourense no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, de xeito conxunto cos deputados populares de Lugo -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades- veñen de presentar unha iniciativa parlamentaria para esixir unha intervención “integral e inmediata” na estrada N-120.

Os deputados populares din que esta vía, esencial para a comunicación entre Ourense e Lugo, atópase “nun estado de abandono que pon en risco a seguridade viaria dos usuarios”.

A estrada N-120 carece de calquera alternativa de alta capacidade no tramo que vai desde a cidade de Ourense ata o límite coa provincia de León, atravesando comarcas clave na provincia de Lugo, como Quiroga ou Monforte de Lemos.

“A situación empeorou de xeito substancial nos dous primeiros meses de 2026 debido aos constantes temporais, que remataron por desfacer o asfalto, xa moi deteriorado”, sinalan os deputados.

A iniciativa recolle testemuños de usuarios e crónicas nos medios de comunicación, nas que se cualifica a circulación por esta estrada como unha “montaña rusa” de saltos e vibracións.

Os populares destacan que as fochancas, en moitos casos sen sinalizar e de gran profundidade, están a causar un “regueiro de incidencias” e avarías diarias. “Hai condutores que sofren rebentóns de rodas e roturas de amortecedores nada máis saír do taller; os talleres da zona incluso están a quedar sen existencias de pneumáticos pola alta demanda de reparacións”, expoñen.

Ante esta realidade, os deputados están a demandar:

  • Un Plan Integral de Rehabilitación que permita a posta en marcha dunha planificación extraordinaria con partidas orzamentarias plurianuais para arranxar o firme, muros, noiros e obras de paso.
  • Garantir un mantemento preventivo cunha conservación estrutural e profesional da vía que evite os “parches”.
  • Que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible asuma a responsabilidade patrimonial para facerse cargo dos gastos de reparación dos vehículos que sufriron danos causados polo pésimo estado da calzada.
Back to top button