
O Partido Popular de Ourense reafirmou hoxe o seu “incondicional apoio ás reivindicacións da plataforma Dereito ao Tren, polas que seguirá loitando ante o Goberno para recuperar as paradas do AVE na Gudiña inxustamente suprimidas o pasado 9 de xuño”. Así o manifestaron os membros dunha delegación do PP ourensán -os deputados nacionais Celso Delgado e Rosa Quintana; os senadores Rosa Sánchez e Francisco José Fernández; os parlamentarios galegos Víctor Baladrón e Cristina Campero; o deputado provincial José María Lago; e o alcalde da Veiga, Juan Anta- durante a reunión mantida na Gudiña esta tarde con membros da plataforma.
Os populares repasaron ás iniciativas despregadas nas Cortes Xeráis, no Parlamento de Galicia, na Deputación e nos concellos exisindo a RENFE e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (MITMS) a rectificación da “inxusta decisión de suprimir desde o 9 de xuño as paradas de tren nas estacións intermedias do corredor ferroviario de alta velocidade Galicia-Madrid, moi especialmente na estación de alta velocidade da Gudiña-Porta de Galicia”.
Os membros do PP defenden as denuncias públicas da plataforma, en tanto que, segundo din, os usuarios desta estación levan oito meses sen máis alternativa matinal para viaxar a Madrid que tomar un AVLO ás 12:08, que chega á capital ás 14:08. E se queren regresar o mesmo día o último tren sae ás 18:06 para chegar á Gudiña ás 20:02.
“Un auténtico disparate de horarios, irracionais, inútiles e discriminatorios para os habitantes do medio rural”, afirmaron na reunión, pois antes do 9 de xuño, os usuarios podían subirse a un tren AVE e chegar a Madrid ás 10:34 horas, e así realizar as súas actividades na capital, facer transbordos ferroviarios ou tomar un avión en Barajas.

Lembran que “o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, non cumpriu co que afirmou o 14 de decembro de 2025 nunha entrevista. Daquela dixo que anunciaremos en breve unha frecuencia pronto pola mañá, sobre todo de comunicación vía alta velocidade con Zamora e devolver a Sanabria as oito frecuencias día que tiña. Iso é no que estamos a traballar.”
Os populares denunciaron ante os membros da plataforma Dereito ao Tren o “desprezo maiúsculo aos miles de usuarios das comarcas ourensás de Monterrei, Viana, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras e A Limia. É indignante que se diga que estes horarios garanten a mobilidade e que contribúen á cohesión territorial” afirma Celso Delgado.
Deficiencias de mobilidade
O abandono deste servizo por parte do Goberno tamén se manifesta nas carencias da propia estación, sinalaron tamén os representantes populares, “con importantes problemas de mobilidade para os usuarios, que teñen que percorrer unha longa rampla ante a ausencia dun ascensor, para o que xa existe o oportuno oco de construción. Un elevador reclamado desde hai anos pero do que non se ten noticia algunha”.