PolíticaÚltima hora

O PP do Barco defenderá no pleno o restablecemento de servizos do AVE na Gudiña

Ademais presentará outra moción relativa á bonificación de ICIO en obra nova en SNR Tradicional e de Expansión

O voceiro municipal do PP, Antonio Melo, intervindo nun pleno anterior./ Foto: O SIL.

 

Dúas serán as mocións que o grupo municipal do PP do Barco defenderá no pleno ordinario municipal, previsto para esta semana. Unha delas é unha “solicitude de restablecemento de servizos e melloras na estación A Gudiña Porta de Galicia”. Nela os populares comezaban o seu texto lembrando que “o pasado 12 de maio, o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible anunciou que melloraría os tempos de viaxe e aumentaría o número de prazas dispoñibles no corredor de alta velocidade Galicia-Madrid para viaxar a partir do 9 de xuño, data na que Renfe poría en marcha unha nova oferta con máis trens da serie 106 en circulación, en substitución dos tradicionais Alvia. O certo é non todas as estacións deste corredor verán mellorados os seus servizos, polo contrario, hai algunhas que ven moi prexudicadas, como a Ourensá de “A Gudiña-Porta de Galicia”.

Neste senso, a moción propón ao pleno os seguintes acordos:

“1. Reclamar ao Goberno de España e a RENFE que manteña todos os servizos e número de paradas de tren como na actualidade e as potencie
2. Reclamar ao Goberno de España e a RENFE que aplique todos os descontos, tal como aplícanse noutras estacións de Alta Velocidade.
3. Reclamar ao Goberno de España e a ADIF que se dote de ascensores á estación da Gudiña, tal como estaba proxectado e coma se teñen outras estacións de Alta Velocidade”.

Ademais, o PP do Barco levará a esta mesma sesión plenaria unha moción para bonificación de ICIO en obra nova en SNR Tradicional e de Expansión. Así, a iniciativa conclúe solicitando “a redución do ICIO ao 50% para construción de nova planta de vivendas en chan de Núcleo Rural de Expansión, distinguíndoa do 75% aplicable para reforma ou rehabilitación de vivenda en chan de Núcleo Rural”.

 

Back to top button