PolíticaÚltima hora

O PP do Barco presentará no pleno unha moción para aumentar as prazas MIR e outra sobre o financiamento do sistema de atención á dependencia

O voceiro municipal do PP, Antonio Melo, intervindo nun pleno anterior./ Foto: O SIL.

 

Dúas serán as mocións que o grupo municipal do PP presentará ao vindeiro pleno ordinario do mes de maio, previsto para este xoves. Unha delas será relativa ao incremento do número de prazas MIR. Así segundo expón o voceiro popular, Antonio Melo, na iniciativa, “a necesidade de aumentar as prazas de médicos MIR é necesaria pola escaseza de profesionais sanitarios en certas áreas e especialmente nalgunhas especialidades, como medicina de familia, medicina interna, pneumoloxía e pediatría, dada a crecente demanda de servizos de saúde, debido ao aumento da esperanza de vida e o envellecemento da poboación, facendo que a falta de médicos especialistas poida afectar  negativamente á calidade da atención sanitaria e a accesibilidade dos servizos de saúde. En Galicia, existe unha alta demanda para acceder a prazas de medicina, onde a relación entre aspirantes e prazas é considerable. Aínda que a USC aumento o numero de prazas, a necesidade de mais segue sendo un tema de debate”.

Entenden os populares, segundo explican na moción, que “a formación de médicos MIR é fundamental para garantir unha atención de calidade, en moitas ocasións, as convocatorias de prazas dispoñibles para cubrir esas necesidades non son suficientes. Con esta moción, tratamos de contribuír a mellorar a calidade da atención sanitaria e a accesibilidade dos servizos de saúde en Galicia e en toda España, o que redundaría en beneficio de todos os cidadáns”.

Nese senso, na parte de acordos, o PP proporá o seguinte: “Instar o Goberno de España a aumentar o numero de prazas de médicos MIR nas diferentes especialidades sanitarias” e “Solicitar ao Goberno Central que adopte as medidas para fomentar a formación de especialistas nas áreas con maior necesidade de persoal sanitario”.

Outra das mocións que levarán os populares ao pleno barquense aborda o “financiamento do sistema de atención á dependencia”. O texto da iniciativa sinala que “dúas décadas despois da aprobación da coñecida como Lei da Dependencia, o sistema segue tendo certas eivas que están lonxe de corrixirse. A principal, ten que ver co problema estrutural de financiamento que Galicia leva denunciando desde hai moitos anos. A Lei fixa que o gasto dos servizos e prestacións debe asumirse ao 50% entre as Comunidades Autónomas e a Administración Xeral do Estado, algo que nunca sucedeu e que actualmente segue sen corrixirse. O crecente esforzo investidor por parte da Administración autonómica, e tamén da local, para atender ás súas veciñas e veciños”.

Segundo din os concelleiros do PP na moción, “a reforma da Lei debe vir acompañada de financiamento. Un financiamento que tamén deberá ter en conta as singularidades dos territorios, porque non todos son iguais. No caso concreto da nosa Comunidade, a dispersión ou o  envellecemento da poboación son factores que incrementan considerablemente o custo dos servizos, e que obrigan ás administracións galegas a realizar un esforzo económico moito maior. Non se poden impoñer máis obrigacións aos concellos sen que a reforma veña acompañada do financiamento necesario”.

Por iso, a moción do PP plantexará ao pleno a votación do seguinte acordo:

“O Pleno Municipal insta ao Goberno Central a: 1. Presentar dunha memoria económica concreta na que se avalíe e determine o custo da modificación da Lei de Dependencia.
2. Atender as suxestións feitas pola Administración autonómica galega a este cambio normativo que considere as peculiares circunstancias da realidade social e demográfica de Galicia.
3. Cumprir co cofinanciamento do 50% da Lei de dependencia para que a participación da Xunta de Galicia e do Goberno Central sexa equitativa.
4. Saldar a débeda acumulada coa nosa Comunidade en materia de dependencia, que ascende a máis de 2.500 millóns de euros, para así poder achegar máis recursos ás persoas dependentes que o requiren.
5. Dar traslado deste acordo tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030”.

Artigos relacionados

Back to top button