
Os deputados do PP pola provincia de Ourense, Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado veñen de informar de que asinan unha Proposición non de lei presentada no Congreso na que piden ao Goberno a cobertura, de “forma inmediata, das vacantes de persoal administrativo nas dependencias da Policía Nacional da provincia de Ourense”, en referencia á Comisaría Provincial de Ourense, á Unidade de Estranxeiría e Documentación (UEYD) de Verín e a Unidade de Documentación do Barco de Valdeorras.
O texto da proposición fala dun “déficit estrutural de persoal funcionario dos corpos xerais (CCGG) que está a comprometer a seguridade cidadá. Actualmente, as vacantes están a ser cubertas con axentes da Policía Nacional, o que supón detraer efectivos das súas funcións operativas para destinalos á expedición de DNI, pasaportes e trámites de estranxeiría”, segundo Ana Vázquez.
Na Unidade de Documentación do Barco de Valdeorras, segundo di a parlamentaria, “os tres postos administrativos están vacantes, polo que os cinco policías destinados na unidade deben asumir integramente estas funcións. Esta unidade, creada en 2023, foi concibida para prestar servizo aos preto de 27.000 habitantes da comarca, “cuxa distancia e deficiente comunicación coa capital dificultan o acceso a estes servizos”.
Advirte Ana Vázquez que esta precariedade prodúcese nun momento crítico, ante a previsión dun incremento exponencial de traballo derivado da regularización masiva de inmigrantes anunciada polo Goberno para 2026. Estímase que este proceso afectará a máis de 4.000 persoas na provincia de Ourense e máis dun millón en España, concentrándose o traballo entre os meses de abril e xuño, o que podería xerar o colapso total destas oficinas se non se reforza o persoal de inmediato.
Ante este escenario, o Partido Popular pide ao Executivo central a “cobertura inmediata de vacantes, convocando en comisión de servizo voluntaria todas as prazas de corpos xerais vacantes en Ourense, Verín e O Barco ata a súa cobertura definitiva”.
Reclaman ademais “a revisión do catálogo en Verín, que non se actualiza desde 2007 e resulta insuficiente para a carga de traballo actual, así como converter a actual Unidade de Documentación do Barco de Valdeorras nunha Unidade de Estranxeiría e Documentación de pleno dereito, dotándoa dos medios necesarios para unha prestación integral de servizos”.