ConcellosEntroido 2026O BarcoÚltima hora

O prazo de inscrición para participar no desfile de comparsas do Entroido no Barco remata o 12 de febreiro

Comparsa no desfile do ano pasado./ Foto: A.R.

 

Os interesados en participar no desfile de comparsas do Entroido 2026 no Barco de Valdeorras poden inscribirse, ata as 13 horas do día 12 de febrero, nun formulario ao que se accede a través deste enlace: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfFfjWsS_QP8VPuIL9hOpX0PLlYCT0n64kQiMiphoqRHJkmQ/ viewform?pli=1 ou co código QR presente no cartaz do programa. Tamén poderán facelo de xeito presencial nas oficinas de AEVA.

NORMAS DE PARTICIPACIÓN:

1/ Poderán participar comparsas de 10 ou máis persoas.

2/ As comparsas deberán tomar parte, en todo o seu percorrido, do desfile que terá lugar o martes día 17 de febreiro de 2026 a partir das 17:30 horas e que, partindo da avenida Conde de Fenosa, percorrerá varias rúas do Barco, rematando na praza Maior. O punto de encontro será diante do Hospital, ás 17 horas.

3/ Poderán inscribirse ata o venres 12 de febreiro ás 13 horas.

4/ Na inscrición deberán constar os seguintes datos: – Nome e apelidos, DNI, e-mail, teléfono e sinatura da persoa que fai a inscrición. – Nome da comparsa e número de compoñentes da mesma.

5/ Cada comparsa inscrita deberá levar en lugar visible o seu número de inscrición, no momento do desfile, para facilitar a súa identificación. Deberán desfilar en orde ou seguindo unha coreografía e levar música ou ruído (chifres ou semellantes).

6/ O xurado encargarase de comprobar en varios puntos do percorrido que os datos contidos na inscrición axústanse á realidade, podendo minorizarse o premio se o número de integrantes que participan no desfile é inferior a inscrito.

7/ Establécense os seguintes premios:
-Comparsas de 10 a 20 persoas: 150 euros.
-Comparsas de 21 a 30 persoas: 250 euros.
-Comparsas de 31 a 40 persoas: 350 euros.
-Comparsas de 41 persoas en diante: 450 euros.

8/ Os premios pagaránselle aos representantes de cada comparsa (as persoas que teñan feito a inscrición) ao finalizar o desfile, previa identificación coa presentación do DNI.

9/ A participación no concurso supón a aceptación e o cumprimento das normas. En caso de non se cumpriren, a organización pode reservarse o dereito a deixar sen premio á comparsa.

O desfile do Martes de Entrido será o acto central dun programa que tamén inclúe unha festa infantil o luns 16 de febreiro no pavillón vello e o Enterro da Sardiña o Mércores de Cinsa (18 de febreiro) na praza Maior.

 

Back to top button