DeportesFútbolÚltima hora

O preparador físico barquense David Monteagudo ‘Monty’ afronta a recta final da liga no FC Bars de Kirguistán

Chegaba ao equipo de fútbol mediada a tempada, co cambio do corpo técnico e o obxectivo de "gañar a liga e clasificarse para a competición continental"

David Monteagudo.

 

David Monteagudo (Monty) sempre tivo claro que quería ser preparador físico de fútbol, traballo para o que se formou, aínda que daba algunhas voltas antes de exercer como tal (estivo no clun de casa) e non sería ata hai tres anos cando recibía unha chamada que cambiaría a súa vida, traballando en dous anos en tres equipos: O FK Riteriai de Lituania, o FC Vizela de Portugal e finalmente o Meizohu Hakka de China.

Un ano despois da súa estadía no país asiático a aventura de Monty continúa pero desta volta en Kirguistán, un país da ex república soviética, en Asia Central, formando parte do corpo técnico do FC Bars, un equipo de recente creación que con apenas oito meses de vida loita por gañar a liga e clasificarse para a competición continental.

Esa foi precisamente a idea que convenceu a David para aceptar o novo reto. “Neste caso contáctame un adestrador local que previamente traballara na federación (era adestrador da selección olímpica do país), porque estaba buscando un preparador físico con experiencia internacional e a poder ser español. Entrevisteime con eles e gustoulles o que viron de min e o que lles contei e ata agora”, conta o propio Monty, acostumado a pasar longas tempadas fóra de casa, asegurando que é das experiencias máis positivas que tivo ata agora, sobre todo a nivel humano. “A xente é moi acolledora, preocúpanse moito de que me sinta a gusto e cómodo, xente moi boa”, asegura.

 

 

A nivel deportivo “é un país con pouco máis de 30 anos de historia pero nos últimos anos co novo presidente (o dono do equipo) aumentou o investimento en deporte sobre todo en fútbol, con estadios de nova construción ou renovados e todos con céspede mixto de moita calidade”, conta David.

A tempada vai de marzo a novembro e Monty chegou a metade de tempada que foi cando cambiaron o corpo técnico e “a cousa vai ben, non estamos primeiros pero si no grupo de cabeza, pelexando pola liga”, para o cal levan un plan de adestramentos intensos e contan con oito xogadores internacionais que forman parte da selección de Kirguistán, entre eles o capitán.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button