“O que ardeu”, “O que agroma” e “Somos monte”. Son os títulos das Xornadas Culturais que as Fundación Florencio Delgado Gurriarán organizou para este ano e que se desenvolverán nos meses de abril, maio e xuño, en tres concellos da comarca, coas que ofrecerán unha “perspectiva cultural, patrimonial, social, educativa e que apoia a investigación, sobre o tema escollido nesta ocasións, o presente e o futuro do monte en Valdeorras”, sete meses despois do gran lume forestal que afectou á comarca. Así o explicaba a xerente da Fundación Débora Álvarez, na mañá deste luns 6 de abril no Centro Cultural Avenida, na Rúa, o espazo no que terá lugar a primeira xornada prevista para o 18 de abril a partir das 10:30 horas arredor de dous puntos: Autopsia do lume e a vivencia da comunidades.
Para o primeiro contarán con tres expertos que falarán sobre as causas do lume, comportamento e autoprotección (Serafín González Prieto, biólogo e investigador do CSIC; Manuel Martínez, bombeiro forestal; e Xabier Bruña, enxeñeiro forestal rués). Para o segundo coa veciñanza e profesionais da extinción que viviron de primeira mana os incendios do pasado verán que manterán un coloquio (Valentina Berenguer, psicóloga; Javier Fernández, presidentes comuneiros de Roblido; Rosana Fernández, veciña de San Vicente; José Antonio Rodríguez, veciño de Fervenza; Brais López, bombeiro forestal; Enrique Álvarez, voluntario de Protección Civil de Vilamartín; e Cecilia Fernández, viticultora.
A segunda xornada será o 9 de maio no Barco arredor da recuperación do monte e das actividades económicas. “Serán tres mesas, que xirarán sobre estratexias de recuperación do chan; aproveitamentos ecosistémicos e monte comunal; e outros usos como viticultura, gando, turismo e minería”, explicou a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.
A terceira e última xornada será o 13 de xuño no concello de Larouco, onde se iniciou o gran incendio que arrasou Valdeorras, e nela analizarase o patrimonio cultural, social e natural con outras tres mesas nas que se analizará o monte como ben cultural, paisaxe e identidade; e as experiencias educativas e o activismo social. Falarase de iniciativas concretas de posta en valor do territorio pola súa riqueza paisaxística e etnográfica, como BIC do barrio de covas de Larouco, os montes de Casaio ou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Tamén serán presentadas iniciativas educativas na natureza de Valdeorras, Viana do Bolo e O Bierzo. As xornadas rematarán ese mesmo día cunha visita guiada ao xacemento arqueolóxico do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín) acompañados do equipo de Sputnik Labrego.
Na presentación tamén estaban os membros do equipo de Goberno da Rúa, José Vicente Solarat e Ana Fernández.


Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.