En portadaÚltima horaVídeos

O presidente da CHMS visita a 1ª fase das obras de mellora da rede de saneamento do Barco, con 2,1M€ de investimento

Trátase dunha actuación cofinanciada ao 80% pola confederación e ao 20% polo Concello e está no ecuador da súa execución

 

Ata O Barco de Valdeorras desprazábase na mañá deste 13 de maio o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Antonio Quiroga, para supervisar o desenvolvemento da primeira fase do proxecto de mellora da rede de saneamento deste municipio, que inclúe actuacións nas zonas da Pobra, Mariñán, na avenida de Portugal e en Forcadela. A obra ten sido adxudicada á empresa valdeorresa Acoval S.A. e ten a asistencia técnica de SGS.

“Esta obra, que agora está no ecuador da actuación, é dicir sobre o 50% xa está executado, é unha actuación que leva a cabo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Domográfico do Goberno de España. E constitúe un exemplo de colaboración entre administracións, neste caso, co Concello do Barco, no que a confederación achega 1.810.000 euros”, dicía José Antonio Quiroga.

 

 

Indicía ademais en que se trata dunha intervención “importante e con bastante empaque non só dende o punto de vista económico, senón tamén dende o obxectivo que se persegue ,que é chegar a un saneamento a integral, e esta sería a súa primeira fase. Esperamos poder continuar con outras fases ata completar ese obxectivo”, comentaba xunto ao alcalde do Barco Aurentino Alonso e ao enxeñeiro respostable do proxecto, Borja Rodríguez.

 

 

Era este técnico quen expoñía, xunto ao un plano de detalle, os catro puntos principais da actuación: o renovación do colector do Mariñán, dos pluviais da avenida de Portugal, o novo bombeo da proba e a resposición de servizos afectados e pavimentos.

“Nesta primeira fase hai catro puntos de actuación e é importante subliñar que o obxectivo que se pretende con esta primeira fase é sacar augas limpas pluviais, fundamentalmente, do sistema. É un dos grandes problemas non só do Barco, senón das grandes vilas e cidades galegas”, indicaba o presidente da CHMS.

 

 

A esta cuestión referíase tamén o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, “o máis importante é que podemos sacar da rede de saneamento entre o 40 e o 50% desas augas limpas que entran e que van colapsando a EDAR, situada na Praia do Ouro, e cando colapsa, pois esas augas van ao río directamente porque non hai maneira de sacalas. Entón, se evitamos que entren, a EDAR funcionará correctamente e as augas que vaian ao río serán limpas. Así que hai que agradecer esta colaboración, porque se trata dunha actuación importante para O Barco e todo iso veu a raíz dun estudo previo, con cámaras, para saber como estaba a rede do Barco. Tamén pretendemos mellorar pola zona de Eulogio Fernández, nese tramo que hai un exceso de augas pluviais e penso que co novo bombeo vaise resolver ese problema que había de auga por debaixo da vía do tren”.

 

 

O rexedor barquense apuntaba así mesmo que, “pola nosa parte imos seguir colaborando e eu estou seguro de que a confederación vai seguir colaborando tamén en todos aqueles proxectos que lle plantexamos porque todos son útiles e necesarios para O Barco”.

Así os tres obxectivos central do proxecto son evitar as filtracións á rede de saneamento en épocas de chuvia que colapsen a EDAR, renovar a rede en mal estado (tanto con substitución total de colector ou rehabilitación in situ con manga) e tratamento de augas de pluviais antes da vertedura.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button