O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientaba hoxe durante a súa visita á XVIII Feira do Viño de Monterrei a relevancia do sector vitivinícola como “marca de identidade” da Galicia Calidade e “un dos sectores que máis nos identifica”.
Rueda, que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, resaltou o apoio da Xunta “a todo o que xira arredor do viño”, facendo mención tanto a adegueiros e viticultores como ao eido do enoturismo. Subliñou así mesmo a colaboración coas denominacións de orixe, “que son fundamentais para poñer en valor os viños en cada zona”.
A XVIII Feira do Viño de Monterrei, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, reúne desde o pasado venres á maioría das bodegas desta denominación de orixe (DO), que abrangue os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. A produción desta DO segue nos últimos anos un crecemento constante, superando a colleita do ano pasado por primeira vez os 7 millóns de quilos de uva (7.694.464 kg).