Ata o municipio de Chandrexa de Queixa, que rexistra dous dos maiores incendios que están a afectar á provincia de Ourense e a Galicia, desprazábase esta tarde o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. “Esta é unha das zonas onde existen maiores complicacións, agora mesmo dentro do complexo contexto da provincia de Ourense, que leva en Situación 2 dende hai 2 días, e aquí en Chandrexa foi, nestes días complicados que temos, onde empezaron os incendios”.
Rueda aseguraba que, “agora mesmo hai cinco grandes incendios activos na provincia: os dous de Chandrexa, o de Maceda, de Oímbra e o da Mezquita. Preocupan todos, pero os da Mezquita e Oímbra-Monterrei agora mesmo son os máis importantes e onde estamos concentrando a maior parte dos medios. Nestes momentos hai máis de 900 efectivos traballando só na provincia de Ourense, exactamente 31 medios aéreos, con todas as complicacións, xa que están case debaixo dun núcleo tormentoso, que iso dificulta o seu traballo, e provocanse tamén cambios de vento que dificultan tamén a extinción. Seguimos traballando con todos os efectivos dispoñibles, e volvo agradecer de novo o traballo titánico que están realizando”.

Así mesmo, o presidente da Xunta realizaba “un novo chamamento á prudencia, estanse producindo hoxe, e tamén xa dende onte, cortes de tráfico onde é necesario por razóns de seguridade e por razóns de operatividade dos medios e intentaremos que sexan o máis curtos posibles”.
Nesta visita, o presidente da Xunta de Galicia, estaba acompañado, ademais de polo alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e por outros alcaldes da zona, polo presidente do PP a nivel estatal, Alberto Núñez Feijóo, quen manifestaba o seu desexo de pronta recuperación para os feridos nos incendios en Galicia e tamén mandaba unha mensaxe a todas as persoas afectadas polos lumes, pero loxicamente garantir a seguridade e facilitarlle aos medios que traballen, isto é o fundamental. Seguimos con toda intensidade, ogallá que mellore a situación nos próximos días, pero as previsións na provincia de Ourense son de altas temperaturas e dependemos tamén dese vento cambiante, sobre todo en incendios de máis altura, algo que complica máis os traballos”.
Despois o presidente da Xunta tiña previsto trasladarse ao Centro de Coordinación Operativa de Ourense para ver a situación de como están os incendios da provincia. “Os que nos preocupan especialmente son as da zona de Mezquita e Oímbra-Monterrei, que son os que presentan máis complicacións”, matizaba.
Fotos: cedidas/ Carlos G. Hervella.
Vídeos: Carlos G. Hervella.


