O programa Adiviña Silbina chegaba a súa derradeira xornada nesta edición co “Adiviña Montederramo e Castro Caldelas”, que tiña lugar o domingo 19 de outubro. “Recibimos as primeiras choivas do outono cunha densa programación de actividades que desfrutaron participantes de toda Galicia”, explican dende a organización desta iniciativa de posta en valor turística, promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea e executada por Surbia Natura.
O programa incluía actividades como unha ruta interpretativa da mina de ouro romana de Monte Partido, unha visita guiada ao Mosteiro de Santa María de Montederramo, un xogo de Scape-Vila en Castro Caldelas e unha degustación e feira de produtos locais en Casa Alberto.
“Grazas a todas as persoas e entidades que fixeron posible realizar este fermoso proxecto de promoción dos valores naturais, patrimoniais, turísticos e gastronómicos dos 10 concellos integrantes do territorio Sil-Bibei-Navea”, aseguran os promotores.
Adiviña Silbina é un proxecto promovido e patrocinado polo GDR Sil-Bibei-Navea coa colaboración dos 10 concellos deste GDR.
Fotos cedidas.