Recomenda Valdeorras, programa de formación en recursos turísticos promovido pola Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), daba os seus primeiros pasos no ano 2023, co apoio da Deputación de Ourense e, xa no 2024 medraba grazas á colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.
E neste 2025 o proxecto segue avanzando. O seu obxectivo é “sinxelo, pero potente, formar a quen vive no territorio para que sexa quen o recomende, e así, formamos a máis de 40 persoas como recomendadores oficiais, entre eles comerciantes, hostaleiros, bodegueiros e veciños da comarca cunha rede activa de establecementos que levan un distintivo visible e no 2024 comezamos a traballar na plataforma que hoxe se presenta, cunha web: www.recomendavaldeorras.gal”, así o sinalaba esta tarde en rolda de prensa o presidente de AEVA, Carlos Manuel Terán, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e pola deputada delegada especial da Deputación en Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, nun acto celebrado na Casa Grande de Viloira (O Barco).
A web achega rutas temáticas, viño, patrimonio, historia, natureza, mapas interactivos, vídeos 360ºC, entre outros contidos, segundo Terán. “Non se trata só de promoción, senón de crear comunidade, tanto dixital como local, de visibilizar a riqueza do interior, de facer que quen vén, volva e o recomende”.
Así mesmo, o presidente de AEVA adiantaba que neste 2025 vaise dar un paso máis: organizar rutas de outono que dinamicen a comarca e atraian público de fóra, presentar oficialmente o proxecto den Ourense e Santiago buscando proxección e colaboracións e xa estamos preparando a ampliación do 2026 con bloques claros online que nos permita continuar coa plataforma e alimentala, que sexa unha web viva”.
Outra das iniciativas que pretenden impulsar é un gran evento anual e itinerante con gastronomía, cultura, viño e territorio, así como un programa educativo en centros escolares, promoción física en Galicia, Castela e León e Portugal. “Non temos presa pero si un rumbo, queremos consolidar este proxecto con paso firme, sumando apoios, porque cremos que Recomenda Valdeorras encaixa na visión de turismo sostible, cercano e auténtico que defendemos e defendedes dende ás institucións”, dicía Terán dirixíndose aos representantes de Turismo de Galicia e da Deputación, “por iso hoxe pedimos o voso respaldo para seguir crecendo no 2026, coa seguridade de que estamos construíndo algo sólido, con identidade propia e con moito futuro”.

Turismo industrial da lousa
A continuación expoñíase e amosábase a nova plataforma e, seguidamente, interviña a deputada delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María Carmen González, quen comentaba que “naceu a criatura”, lembrando tamén o respaldo da Deputación do proxecto. Así mesmo, matizaba que esta iniciativa debe ter en conta tamén o carácter diferencial de Valdeorras, con cuestións que a fan única en Galicia como ser o referente mundial do sector da lousa.

“Conecta directamente con Europa e co resto do mundo grazas á lousa, polo tanto, a criatura naceu e como ben explicaba o presidente de AEVA, agora hai que enchela. En Valdeorras temos que amosar o que somos e aquí temos algo que non atopamos en case ningún lugar que é o noso enorme caudal industrial e de turismo industrial e de potenciación do noso turismo industrial, que probablemente sexa unha das xoias de Valdeorras que está sen desenvolver e que temos que encher de contido no futuro”.
Ademais nese proceso de dotar de contido á web recomendaba falar coa xente local e cos profesionais locais e tamén comunicarse cos concellos. “Que o fagan os profesionais e que o fagamos a xente aquí entre todos é moi interesante porque, ademais, ímoslle poñer corazón, entón, naceu a plataforma é para encher e para seguir traballando para meter o que falta. E quero agradecerlle enormemente a AEVA esa sensibilidade que tivo de empezar algo que ao mellor se pode terminar de completar con outras páxinas e colaborar para que os visitantes non só veñan a traballar, queremos que veñan a gozar desta terra”.

Implicación social e dos diferentes sectores da comarca
Dende Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, felicitaba a AEVA e á Deputación, porque “entre as tres partes logramos implicar á poboación. Hai que ter en conta que no proxecto non só se está implicando a un sector, que sería o hostaleiro e turístico, senón tamén a empresarios e a autónomos de toda a comarca. E a implicación da poboación é fundamental para constituír un destino turístico sólido”. Por iso, incidía, “penso que esta é unha iniciativa turística moi interesante e tamén porque se fai unha formación moi seria e dun xeito que todo o mundo poida coñecer os principais recursos turísticos da comarca e transmitilos a aquelas persoas que visiten os seus negocios, independentemente de que sexan de hostalaría ou non. Eu non coñezo moitas iniciativas en Galicia deste nivel de implicación”.
Merelles destacaba que Recomenda Valdeorras se enmarca perfectamente na estratexia turística que está a desenvolver a comarca a través do Xeodestino e tamén do GDR. “Esa estratexia de cada vez estender máis o que significa o turismo como ben e como parte da economía, que en Valdeorras non estaba tan desenvolvido como noutras comarcas”.
Así mesmo destacaba o respaldo da Xunta de Galicia ao impulso do turismo na comarca, “cunha implicación que é a meirande da historia de Valdeorras. Por unha banda, temos o desenvolvemento dun PSTD cun orzamento de 1,5M€, tamén unha liña de axudas para enoturismo, estamos tratando de eliminar os puntos negros que hai no Camiño de Santiago, e iso tamén lle toca ao Camiño de Inverno, e estamos realizando achegas que supoñen casen 2,8M€ dende Turismo de Galicia en Valdeorras. E todo isto xa está dando os seus froitos”. E apostaba por seguir avanzando no relativo a sistemas de calidade.
E incidía no potencial turístico desta comarca “agora mesmo ten todos os alicerces para converterse en breve nun destino de interior de primeiro nivel, fundamentalmente anclado no entoturismo e, por suposto, no turismo industrial que debemos desenvolver, e ademais un turismo industrial único que xira arredor da lousa e dos xacementos arqueolóxicos en relación coas explotacións mineiras romanas. Aí están as Médulas, pero tamén as explotacións de ouro que había en Valdeorras son do mesmo tipo, e ben se podía estender o ben patrimonial tamén a Galicia”.
Merelles concluía indicando que esta iniciativa “suma e suma moito e, dende logo, dende Turismo de Galicia estamos dispostos a seguir apoiándoa, e tamén vendo como a dixitalización das propostas se constitúe nunha ferramenta importantísima. Eu tamén creo as iniciativas, experiencias hai que agrupalas arredor dunha marca, que pode ser Valdeorras, e da que penden todos os recursos turísticos, os proxectos, e ese é o xeito máis fácil de comercializar un destino, arredor dunha marca. E isto está no bo camiño”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
