OurenseÚltima hora

O proxecto museográfico do Museo Arqueolóxico de Ourense, “Peza do Mes” de decembro

A presentación terá lugar na "Escolma de escultura" en San Francisco, o 13 de decembro ás 20h.

 

A sala de exposicións “Escolma de escultura” en San Francisco (Ourense) acollerá o vindeiro día 13 de decembro, ás 20h., a presentación da “Peza do Mes”, que neste decembro está dedicada ao “Proxecto museográfico do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. O Territorio”. Un acto que correrá a cargo de Belén Lorenzo Rumbao, María del Pilar Núñez Sánchez e Ana Mª Veiga Romero.

“O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na súa sede histórica na Praza Maior, pecha ao público a principios de 2002, para acometer obras de remodelación integral e adaptalo a unha museoloxía acorde ás demandas da sociedade do novo século. Os servizos do museo trasládanse ao edificio de Santa María de Europa, onde se almacenan as coleccións, agás unha serie de pezas que, baixo o título «Escolma de Escultura» se exhiben na sala San Francisco, que tamén serve de base para outras actividades puntais. Despois de sucesivas achegas para a tan necesaria renovación do museo, comeza unha nova etapa que ten como obxectivo a súa reapertura, mellorando as condicións de exposición, conservación e divulgación dos bens que custodia. En xuño de 2012, o equipo técnico do museo, redactor do Plan Museolóxico, seguindo as directrices propostas pola Subdirección General de Museos Estatales en Criterios para la elaboración del Plan Museológico, entrega o Planteamiento Conceptual, análisis y evaluación de la Institución y el Programa de Necesidades arquitectónicas ao Ministerio de Cultura, administración titular, e á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xestora do museo”, tal e como se explica na publicación elaborada polo museo con motivo da “Peza do Mes”.

Deuse luz verde a ambos documentos o que permitía seguir avanzando nos demais Programas, especialmente “no Programa de Exposición Permanente, do que se presentou un primeiro avance en 2013, e no que se segue traballando, nas súas diferentes fases, ata o momento actual”.

Ademais nesta publicación destácase que “en estreita relación co proxecto arquitectónico, desenvólvese o discurso expositivo, tendo en conta que a misión do Museo Arqueolóxico Provincial é dar a coñecer o proceso histórico do seu territorio de referencia, a provincia de Ourense, a través dos bens culturais que integran as súas coleccións. Para iso, a exposición permanente eríxese como principal medio de comunicación dos seus contidos e punto de encontro entre o visitante e a propia institución. Trátase de interpretar a historia de Ourense a través dun itinerario cronolóxico e temático, integrando os restos arqueolóxicos do solar e do propio edificio como un marco de extraordinario valor arquitectónico”.

Para seguir afondando neste proxecto, nada mellor que asistir mañá á presentación desta “Peza do Mes”.

Artigos relacionados

Back to top button