
Na tarde deste 5 de agosto botaba andar unha nova edición do proxecto “Tecendo Soños. Unha década fiando igualdade” na praza do Toural da Veiga. Esta mostra conmemora os dez anos de traxectoria do grupo de tecedeiras deste municipio valdeorrés e pon en valor o seu labor como exemplo de participación comunitaria e transmisión de saberes.
Entre os asistentes ao acto inaugural da exposición estaba a directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, acompañada por outras autoridades como é o caso do alcalde veigués, Juan Anta. Tamén asistían así as protagonistas desta iniciativa, que durante unha década converteron o tecido nun espazo de encontro, aprendizaxe e fortalecemento dos vínculos sociais. A mostra percorre os momentos máis significativos destes dez anos de historia a través de pezas elaboradas polas propias participantes durante este tempo.
A directora xeral destacou o exemplo de inclusión social e participación que supón este programa que, a través da confección comunitaria de pezas artísticas, fomenta ademais o envellecemento activo e o benestar das mulleres maiores.
Así mesmo, poñía en valor que “Tecendo Soños” crea espazos de convivencia e apoio que favorecen a formación de vínculos e fortalecen o sentimento de pertenza á comunidade ao tempo que facilita a preservación da identidade cultural e a transmisión de saberes tradicionais.
O Goberno galego colabora co concello da Veiga e a Asociación Centro de Animación Rural de Mulleres da Veiga na posta en marcha desta iniciativa, que se leva a cabo desde o ano 2016, cunha achega económica, que nesta ocasión foi de 15.000 euros.
Tras a inauguración, o público podía visitar libremente a exposición antes do concerto “Foliada Asalto” de Pesdelán, previsto para as 20.30 horas na Praza do Toural.
A actuación do espectáculo de rúa “Quimera”, da compañía Pablo Mendez, prevista para o venres 7 ás 22.30h., completa unha programación que nace con vocación expansiva, facendo da exposición o punto de partida dun conxunto de actividades culturais.