
O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “total apoio” ao alcalde de Manzaneda, Amable Fernández Basalo, e critica que o Partido Popular impulse unha moción de censura “apoiándose en tránsfugas e en contra da vontade do municipio que deu en 2023 o seu apoio maioritario aos socialistas”. Destacan que o rexedor “foi elixido pola maioría absoluta da veciñanza” e sinalan que tras dous mandatos consecutivos, “converteu Manzaneda nun concello de referencia na provincia, referencia que agora o PP e os tránsfugas queren tirar por terra”.
A moción de censura, prevista para este mércores 29 de outubro, e presentada polo PP, di o partido socialista, “está apoiada en dous concelleiros tránsfugas, que se presentaron no seu día baixo as siglas do PSOE, referendados e apoiados polo partido, votados polos cidadáns e que agora de xeito unilateral e en conivencia co PP enganan aos seus votantes e compañeiros e traizoan o partido impulsando esta moción de censura”.
Os socialistas pídenlle aos tránsfugas Antonio Núñez e Miguel Domínguez que por “dignidade, civismo e respecto aos veciños e veciñas de Manzaneda, renuncien como concelleiros e entreguen as súas actas, para dar paso aos seguintes compañeiros nas listas para que tomen posesión como novos concelleiros e deste xeito non leven adiante esta moción de censura antinatura”.
Os socialistas ourensáns lembran que nas eleccións municipais do 2023 no concello de Manzaneda, había só dúas papeletas a escoller, a do PSdeG-PSOE e a do PP. “O PP acadou os peores resultados da súa historia con só 2 concelleiros, namentres que os socialistas da man de Amable Fernández fixéronse ca alcaldía con maioría absoluta e 5 concelleiros, duplicando en votos aos populares”.
Pola súa banda, dende o PSdeG-PSOE de Manzaneda consideran que esta moción “é anómala e antinatura”.