PolíticaÚltima hora

O PSdeG pedirá no pleno da Deputación de Ourense un “mando único para os servizos de emerxencia de toda a provincia”

A deputada Eva Pérez Gamote defenderá, a través dunha moción, que a Deputación elabore nun prazo de seis meses un Plan Integral de Emerxencias que integre os bombeiros comarcais e os GES baixo unha coordinación unificada

 

O Grupo Provincial Socialista vén de informar de que levará ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense unha iniciativa para a creación dun Sistema Provincial Unificado de Emerxencias. A iniciativa foi presentada este venres pola deputada Eva Pérez Gamote, acompañada polo secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila. “O que pedimos é que haxa directrices claras e un mando único que coordine a todos os axentes que participan na extinción dos lumes”, salientou Pérez Gamote.

 “A Deputación ten competencias sobre os bombeiros comarcais e capacidade para instar á Xunta a integrar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así que está en condicións de liderar este cambio e non pode seguir adiando esta responsabilidade”, dixo. A deputada socialista fixo fincapé na situación do rural ourensán, nomeadamente despois dos devastadores incendios do verán de 2025. “Vimos como os lumes podían chegar ás vivendas. A veciñanza das nosas aldeas merece un sistema de emerxencias á altura desa ameaza”, subliñou Pérez Gamote, quen fala de que a “falta de planificación e coordinación incrementa os riscos”.

“A magnitude do que vivimos, e a tendencia a que isto se repita e mesmo se agrave, converten esta cuestión nun imperativo de seguridade pública que non admite máis demoras”, engadiu a deputada. A experiencia dos últimos anos demostra que a falta de planificación e coordinación incrementa o risco e as consecuencias dos incendios, sobre todo cando afectan a vivendas e núcleos de poboación, e a provincia de Ourense non pode permitirse seguir afrontando cada verán sen un sistema á altura das circunstancias.

 Os socialistas apuntan ao modelo dos GES como un dos problemas de fondo: “dependen dos concellos e, na práctica, realizan funcións propias de bombeiros sen contar co marco organizativo nin laboral requirido. Están a facer de bombeiros sen ser recoñecidos como tal, quedando o persoal e os concellos nun limbo que non pode prolongarse”, afirmou Pérez Gamote. A moción insta á Deputación e á Xunta a integrar plenamente os GES no Consorcio Provincial de Bombeiros, garantindo un cadro homoxéneo e claro para todo o persoal e mantendo a presenza territorial do servizo en colaboración cos concellos.

Os socialistas analizaron tamén o estado do Consorcio Provincial de Bombeiros. “Estamos ante un sistema que garante o funcionamento, pero que non mellora nin se moderniza. E así non podemos seguir”, sinalou Pérez Gamote.

 A moción reclama “a cobertura inmediata das vacantes existentes, a creación de prazas estruturais e o cumprimento efectivo do Convenio Colectivo, acometendo a súa revisión e adaptación ás condicións reais do traballo”. A iniciativa socialista propón elaborar no prazo de seis meses un Plan Integral de Emerxencias que estableza un modelo operativo baseado nun mando único, que abranga todos os servizos e incorpore mecanismos de planificación anticipada dos riscos. “Ourense ten dereito a contar coas emerxencias que a súa cidadanía merece”, concluíu Pérez Gamote.

 

Back to top button