
A deputada socialista no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta; o secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila Araújo; e a secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González Benéitez, ofrecían unha rolda de prensa esta mañá na que dicían que o goberno da Xunta “está a deixar fora á provincia de Ourense do principal instrumento estatal para corrixir os desequilibrios e desigualdades territoriais”.
“A última afrenta do executivo autonómico con respecto á nosa provincia é deixala excluída do Fondo de Compensación Interterritorial”, comezou explicando Álvaro Vila Araújo, ante os medios de comunicación, ao respecto dunha ferramenta que debe servir para poñer a disposición dos concellos que máis o precisan cartos públicos que se invistan en corrixir desigualdades. “Debemos esixir á Xunta que rectifique”, especificou.
Ademais, reivindicou que o goberno de Rueda actualice o fondo de cooperación local, “que leva 15 anos conxelado e sen incrementarse”, para adaptalo ás necesidades específicas dos municipios ourensáns “garantindo a súa viabilidade” para prestar “servizos de calidade á veciñanza”.
“Resulta escandaloso que a Xunta de Galicia esté a deixar a Ourense fóra do principal instrumento estatal para corrixir os desequilibrios territoriais, segundo amosan os datos do Consello de Contas”, continuou expoñendo Carmen Rodríguez Dacosta que cualificou o modelo do PP como de “inxusto, opaco e discrecional”.
Neste senso, advertiu de que o Fondo de Compensación Interterritorial é un mecanismo, previsto na Constitución, a través do cal o Estado distribúe os fondos ás comunidades autónomas segundo criterios obxectivos —como poboación, superficie ou singularidades xeográficas— para que, despois, os executivos autonómicos decidan onde e en que se invisten ditos fondos. “Aquí está o problema: non existen criterios públicos de reparto entre provincias. Non hai transparencia. Non hai participación dos concellos. E non hai equidade”, insistiu a socialista.
Os datos, engadía a socialista, amosan que, en 2022, o 95% dos cartos destináronse á provincia de Pontevedra. “Ourense, xunto con Lugo, quedou non recibiu nin un só euro. Nada. Nin un só proxecto para a nosa provincia”.