Despois de tres anos “dun traballo complexo”, o balance final do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Valdeorras non pode ser máis positivo e o seu investimento de 1,5M€ está executado ao 100%. Así o resaltaba na presentación dos seus resultados a presidenta do GDR Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González Quintela, nun acto celebrado esta mañá na sede da Deputación de Ourense na Casa Grande de Viloira (O Barco). Nel estaba acompañada polo xerente do GDR, Luis Rodríguez; e o responsables da asistencia técnica do plan, Emilio Cuíñas.
Durante a súa intervención, a presidenta destacaba que se complementaban con éxito as actuacións previstas mediante a tramitación e execución de 38 contratos. Subliñou que este resultado demostra a capacidade de Valdeorras para xestionar proxectos complexos financiados con fondos europeos e aproveitar con responsabilidade os recursos públicos.
González Quintela explicou tamén que, grazas a unha “xestión financeira responsable”, o plan conseguiu xerar arredor de 15.000 euros en rendementos financeiros , recursos que puideron reinvestirse nas propias actuacións do PSTD sen incrementar a achega das administracións financiadoras. Na súa intervención, quixo agradecer expresamente a colaboración da Xunta de Galicia, da Secretaría de Estado de Turismo , da Deputación Provincial de Ourense e dos concellos da comarca, así como o traballo desenvolvido polo equipo técnico do GDR Valdeorras e asistencia técnica do plan. Destacou que a cooperación institucional foi un dos principais factores que explican o éxito da execución.
Así mesmo incidía en que o obxectivo do PSTD non era unicamente executar investimentos, senón construír un modelo turístico máis sostible, competitivo e innovador. Neste sentido, destacou actuacións como a Rede de Miradoiros de Valdeorras, a mellora da Ruta do Viño, a recuperación do patrimonio industrial, a renovación de espazos patrimoniais, as actuacións de mobilidade sostible, a transformación dixital do destino e a creación de novas ferramentas de promoción turística.
Como conclusión, a presidenta do GDR apuntaba que “este é un resultado do plan do que podemos sentirnos orgullosos” e resumía este balance en tres ideas, a primeira delas a capacidade de xestión que demostra que “Valdeorras ten capacidade de xestionar proxectos complexos”, a colaboración e a colaboración institucional de futuro. “O traballo realizado non remata hoxe, a experiencia adquirida e a confianza xerada entre as diferentes administracións debe servirnos para seguir captando novos fondos e novas oportunidades para Valdeorras”, concluía.
Asegurou que a experiencia adquirida permitirá afrontar con garantías novos proxectos e continuar captando oportunidades de financiamento para seguir impulsando o desenvolvemento turístico de Valdeorras.

Actuacións territorializadas nos concellos (1.200.723,86 €)
Renovación das instalacións da Casa Río Cigüeño (O Barco)
Adecuación do contorno das Covas de O Castro (O Barco)
Rehabilitación da Cova tradicional de Seadur (Larouco)
Melloras no Camiño de Inverno en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras)
Turismo Industrial da Lousa (Carballeda de Valdeorras)
Recuperación da Fonte de Candeda. (Carballeda de Valdeorras)
Mellora da Vía Nova en Petín.
Patrimonio iluminado en Penouta, Vilamartín de Valdeorras.
Mellora dos aproveitamentos turísticos do encoro da Rúa.
Iluminación ornamental do Santuario das Ermidas. (O Bolo)
Centro de Interpretación do Volframio na Veiga.
Rede de rutas ciclistas en Rubiá.
Actuacións da Ruta do Viño de Valdeorras (145.517,12 €):
Plataforma dixital da Ruta do Viño.
Reportaxe fotográfica profesional.
Accións de formación.
Accións de promoción.
Creación de contidos e difusión.
Material promocional e merchandising.
Estas actuacións permitiron renovar a identidade visual da Ruta do Viño, reforzar a súa presenza dixital, mellorar os materiais promocionais e impulsar accións de promoción e formación para consolidar o principal produto enoturístico da comarca.
Xestión e promoción global do destino (161.558,70 €)
Asistencia Técnica do PSTD.
Nova páxina web turística.
Xestión de redes sociais.
Produción audiovisual.
Mapa interactivo.
Redeseño da marca e formación ao sector.
Estas actuacións serviron para garantir a correcta execución administrativa e financeira do Plan mesmo tempo, dotar Valdeorras dunha nova estratexia de comunicación e promoción turística que continuará xerando valor para o destino nos vindeiros anos.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.

