
O Quiroga Trail Challenge, unha das citas máis esperadas do calendario de carreiras por montaña, quenta motores con cifras récord. “A falta de dous meses para que se dea o pistoletazo de saída, xa conta con 910 rexistrados, máis que en edicións pasadas, consolidando o evento como un referente deportivo e turístico no noroeste peninsular”, segundo a súa organización.
A edición do 2026 destaca, tal e como avanzan dos seus promotores, pola apertura de fronteiras e a crecente participación feminina. “Os últimos datos de inscrición confirman o auxe do trail feminino, o 28% dos rexistrados son mulleres, unha cifra á alza que reflicte a consolidación da presenza feminina nas probas de resistencia. E tamén confirman o atractivo nacional: o 26% dos corredores chegarán desde fóra de Galicia, o que supón un importante impacto económico e de promoción para a comarca”.
Os corredores terán o privilexio de percorrer os carreiros do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, unha contorna de valor xeolóxico e paisaxístico incalculable. Nesta edición destacará a dureza técnica da Montaña do Lor, sumada á beleza dos seus bosques autóctonos e profundos vales e “carrozos” (regatos), que prometen unha experiencia épica tanto para os corredores de elite como para os afeccionados.
A filosofía do evento baséase “na reivindicación do potencial da montaña galega e un motor de dinamización para a zona sur de Lugo”, di a organización, “a consolidación do Quiroga Trail Challenge non só motiva a deportistas de todo o país para visitar a Ribeira Sacra, senón que tamén impulsa a promoción turística e económica local: hostalería, aloxamentos rurais, restauración e comercio benefícianse significativamente da chegada de corredores e acompañantes. Ademais, en edicións pasadas alcanzouse ocupación hostaleira completa e contouse con decenas de voluntarios que reforzaron a organización e a atención ao corredor”.
O evento está organizado polo Concello de Quiroga xunto co Montouto Club de Montaña. Debido aos incendios que afectaron a zona en 2025, a organización adaptou os trazados dalgunhas probas para priorizar a seguridade dos corredores e a recuperación ambiental, mantendo a esencia da carreira pero cunha reconsideración técnica do percorrido.
Coas inscricións aínda abertas, pero preto de esgotar dorsais nalgunhas modalidades, a organización recomenda aos interesados formalizar a súa participación canto antes a través da web oficial. O peche de inscricións realizarase o día 15 de Febreiro de 2026.