
O Concello de Sober acollerá o vindeiro 21 de setembro unha das etapas do Rally Ribeira Sacra 2019, proba organizada pola escudería Luintra. Esta é a primeira vez que a proba transcorre pola provincia de Lugo.
Pasará tres veces polo concello, por un tramo que sae de Canaval por Pena Cabreira, Moradela, Moreda, Vilaescura, Rosende, Lama dos Campos e Millán, con final na Praza do Concello de Sober. Un total de 9 km de percorrido “rápido, bonito e seguro para os asistentes”, tal e como explican desde a organización. As horas previstas de saída serán as 9:41h., 13:50h., e 17:59h.

O goberno local financiará esta etapa e o alcalde, Luis Fernández Guitián, asegura que a proba “será un reclamo para os amantes do motor e para o público en xeral, que poderá desfrutar dunha competencia ao máis alto nivel que ademais atravesará enclaves moi fermosos do noso municipio”.