CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O recompilatorio dos 90 ‘Máquina Total’, agora en formato radio presentado polo barquense Joaquín Docampo

 

O locutor e Dj Joaquín Docampo.

 

‘Máquina Total’, o recompilatorio que marcou a toda unha xeración nos anos 90 (1991–1998) regresa agora en formato radio, cun programa mensual que se emitirá en exclusiva en MDT Radio, a emisora do remember.

 

 

O novo espazo estará conducido polo barquense residente na Coruña Joaquín Docampo, coñecido como Dj 90, un apaixonado do son dance que converteu o seu amor por esta música nunha misión: levar aos oíntes de volta a aqueles recordos que parecían durmidos. Como tantos afirman en redes sociais ao escoitar eses himnos, “eramos felices e non o sabiamos”.

Máquina Total non é só música, é un símbolo cultural que nos conecta cos recordos máis intensos da nosa mocidade”, asegura Docampo quen, ademais de locutor e Dj é deseñador gráfico de profesión. Durante os anos 2000 participou na creación de portadas para recompilatorios icónicos como Max Mix, Bolero Mix, Caribe Mix, Pioneer The Album, El Hormiguero e un Maquina Total propio.

 

 

 

Esa conexión directa coa estética e o espírito da música dance daqueles anos converte agora o seu papel como presentador en algo máis que unha homenaxe. Este programa é a continuación natural dunha historia que el mesmo axudou a construír e que se emite o segundo venres de cada mes, de 21 a 22 horas, dentro da sección Remember Allstars de MDT Radio. Pode sintonizarse en FM en varias provincias españolas; en DAB+ en Madrid, Barcelona e Tarragona; en streaming a través de www.mdtradio.com; e nas principais plataformas de Podcasts.

 

Back to top button