Relixioso e espiritual, pero tamén cultural, educativo e turístico. Son os diferentes aspectos de referencia que fan do Santuario das Ermidas, no concello do Bolo, un lugar especial. Un monumento arquitectónico, xoia do barroco galego que neste 2024 celebra o 400 aniversario do inicio das obras.
O primeiro acto conmemorativo era a inauguración cunha exposicións nos soportais do adro o pasado 2 de maio; e o segundo, a xornada de conferencias “400 anos das Ermidas: Historia dun Santuario” que tiña lugar na tarde deste sábado 25 de maio na capela do santuario.
O acto, que contou coa presenza de diferentes alcaldes da contorna (o de Manzaneda, a de Larouco,…) e representantes de diferentes ámbitos (relixioso, social e político) era presentado polo xornalista Jorge Isla e era inaugurado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles que asistía acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, poñendo en valor “a relevancia deste tipo de elementos patrimoniais de Galicia” e de Ourense, en particular.
Durante a súa intervención, destacou “o enclave natural no que se atopa o santuario, as paisaxes que animan á reflexión e ao descanso configurando un patrimonio natural ao que se suma o cultural, o arquitectónico, a gastronomía e tantas opcións que queremos poñer en valor desde o Goberno autonómico”.
Neste sentido, Xosé Merelles salientou a aposta do seu departamento por promocionar todos estes aspectos de interese para turistas e visitantes e subliñou que, seguindo esa premisa, leva realizando nos últimos anos no Concello do Bolo “actuacións que contribuíron a incrementar o interese turístico por este municipio”. Referiuse á participación autonómica na recuperación paisaxística do contorno do Castelo do Bolo, á rehabilitación do Muiño Hidroeléctrico nas Ermitas, ao impulso dado ao Camiño de Inverno, e á sinalización dos miradoiros desde os que poder gozar das excelencias paisaxísticas deste Concello.
Referíndose á xornada e tras lembrar as súas propias vivencias, subliñou que “non só serve para conmemorar a presenza ao longo dos séculos de institucións ou edificios coma o Santuario das Ermidas, senón que tamén contribúen a espallar a cultura e a identidade do noso pobo”. Ademais, tivo palabras de recordo para o historiador Antonio Castro Voces, a quen se homenaxeou durante o encontro. “Antonio foi todo un exemplo de vida dedicada ao estudio e divulgación destas terras”, sentenciou.
Antes de Merelles, interviñan o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, que leva un ano á fronte do Concello organizador do evento, quen destacou que “dende que entramos na alcaldía apostamos por poñer en valor os recursos culturais do municipio”, poñendo como exemplo a organización da celebración do aniversario. En representación da Deputación de Ourense asistía a delegada especial para Valdeorras, María Carmen González, quen destacou a “espiritualidade deste emblemático ligar”, asegurando que “non é só do Bolo e dos seus veciños senón de todos nós”. E por parte do Bispado de Astorga, era o vicario de Pastoral Manuel Carrasco quen interviña, lembrando que “hoxe é día de celebracións xa que cando se pechou o seminario Menor aquí, abriuse o Colexio Pablo VI que hoxe celebra o 60º aniversario”.
De seguido Miguel Ángel González, arquiveiro da Diócese de Astorga falou de forma breve sobre “As Ermidas un santuario en terras do Bibei: achegamento a súa historia, arte e relixiosidade”; Isidro García Tato, historiador e investigador do CSIC fixo unha “Aproximación á historia do Santuario de Nosa Señora de As Ermidas. Baluarte da fe, centro de cultura e meta de peregrinación”; e Beatriz Hermida e Tomás Valentem arquitectos do Plan Director do santuario, falaron sobre as actuais obras de rehabilitación do edificio.
O evento remataba cunha homenaxe ao historiador Antonio Castro Voces falecido este ano e autor de libros como El Santuario de As Ermidas; estudio histórico-relixioso y educativo 1624-1990 (IEV, 1999), da man de José Fernández, membro do Instituto de Estudos Valdeorreses.
Despois houbo viño doado por Viñaredo e Roandi e degustación de Amendoados feitos polo veciño Antonio Rey “Totó”.
Fotos e vídeos: O SIL salvos as seis últimas fotos da galería que son cedidas.