DeportesÚltima hora

O Sanysec-Club Ourense Atletismo, subcampión galego de clubs en categoría feminina

Foto: Sanysec Ourense Atletismo.

 

O Sanysec – Club Ourense Atletismo vén de facerse coa prata en categoría feminina e na oitava en masculina no Campionato Galego de Clubs celebrado en Pontevedra.

Non puido repetir o título do ano pasado e, con 119 puntos, quedou a 11 da Ximnástica Pontevedra (130). Lastraron as baixas e os tres nulos de Rebeca Fernández na complicada proba da pértega. Quedaron en primeira posición Icía Ares nos 5.000 marcha con 24:35.83, Yiset Magali Jiménez en lanzamento de xavelina con 57.99 metros, Alba Martínez en triplo con 11.75 e Sabela Castelo nos 3.000 lisos con 9:41.57.

En homes, tamén afectados polas baixas ata o punto de ter que deixar deserto os 3.000 obstáculos, remataron en oitava posición con 56 puntos, lonxe do sétimo posto do Narón, con 78. As segundas posicións de Daniel Villanueva en martelo con 52.66 metros e de Miguel Carbajales en pértega con 4.41 foron os mellores postos obtidos.

Nacional de probas combinadas por federacións

Por outra banda, tamén na pasada fin de semana a atleta do Ourense Atletismo Andrea Reija, competía coa selección galega de probas combinadas xunto a Xoel Otero, Lucía Sánchez del Valle, Gerson Vidal Izaguirre, Martina Gutiérrez, e o atleta sub20 do filial Xuncas Diversia, Jesús Arias. Sumaban un total de 24.434 puntos no campionato de España de probas combinadas por federacións.

Andrea Reija foi a mellor representante galega tras lograr unha brillante terceira posición con 5.243 puntos. A lucense, nun excelente estado de forma, só se viu superada pola campioa de España Andrea Medina e pola catalana Rovira. Reija destacou, ademais, coa súa vitoria na proba dos 100 metros valos.

Back to top button