O Barco de Valdeorras é a vila da comarca que máis emigrantes ten con preto de 1.000 persoas, O Bolo con 600 e a Veiga entorno a 500. E, tendo en conta os países, o 33,6% dos valdeorreses no exterior residen en Arxentina e o 31,4% en Francia. Así llo explicaba o secretario xeral de Emigración, o ourensán Antonio Rodríguez Miranda, ao deputado valdeorrés no Parlamento galego Moisés Blanco nunha reunión celebrada en Santiago o 6 de marzo.
Asemade, Rodríguez Miranda indicáballe ao parlamentario que o nome da comarca está presente nalgunhas das denominacións oficiais destas entidades, coma é o caso de ‘Juventud Viana, Trives y Valdeorras, Asociación Cultural, Social y Recreativa’ de Bos Aires ou a ‘Agrupación Valdeorras e Viana’ da Habana.
“Analizando os datos do CERA poderíamos dicir que temos arredor de 3.500 valdeorreses residindo fora de Galicia, espallados principalmente por Alemaña, Arxentina, Brasil, Cuba, Francia, Suíza ou Venezuela”, sinalaba Moisés Blanco.