PolíticaÚltima horaVídeos

O secretario xeral do PSdeG comparte, no Barco, o mitin coas cabezas de lista socialistas ao Congreso e ao Senado

José R. Gómez Besteiro pediu "a todos os que realmente ven e saben ler o momento histórico que estamos a vivir, que non tiren o seu voto ao lixo"

 

No mediodía deste domingo 15 de novembro O Barco de Valdeorras acollía un mitin do PSdeG PSOE no que José Ramón Gómez Besteiro pediu “a todos os que realmente ven e saben ler o momento histórico que estamos a vivir, que non tiren o seu voto ao lixo”.

Durante a súa intervención no acto celebrado no Salón de Actos do Edificio Multiusos, e que compartiu coas cabezas de lista socialistas ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, e ao Senado, María Fernández Ojea, o secretario xeral do PSdeG chamou a fuxir de “cantos de serea e algunhas enxeñarías” que non levan a sumar escanos pola esquerda. “Cada voto diferente é un voto que vai directamente ao peto de Feijoo e Abascal”, asegurou.

 

 

 

O líder socialista, que tamén compartiu escenario co alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, e a candidata á Cámara Alta, Ana Rosa Paradelo, valorou a capacidade de entendemento entre PSOE e Sumar para incrementar o número de escanos da esquerda e recordou que en provincias coma Ourense o Partido Socialista quedou hai catro anos a moi poucos votos dun deputado máis. “Tres ten hoxe o PP e un o PSOE que serían dous do PP e dous do PSOE”, explicou antes de recordar que nos anteriores comicios esa posibilidade non se deu por só tres mil votos. “E nós sacamos 3,5 veces máis votos que o seguinte partido progresista”, engadiu.

 

 

O secretario xeral do PSdeG insistiu na importancia dunhas eleccións que van marcar como poucas veces antes o rumbo do país. Referiuse aos principais retos que enfronta España para sinalar as enormes diferenzas entre as políticas da dereita e do PSOE, e advertiu “contra as mentiras de Feijoo” referíndose ao discurso do candidato popular onte en Santiago. “Dixo que viña pedir traballo. Coñecemos ben a súa xestión. Non lle imos dar traballo. Ímolo mandar ao paro”, subliñou. Besteiro criticou o papel de “gran xestor” que se atribúe a si mesmo Feijoo, que en 13 anos á fronte da Xunta “prometía obras, viñan os orzamentos e as obras que prometía non se executaban”. Ao fío diso, lembrou que o Goberno de Touriño levantou 10.000 vivendas en Galicia en catro anos, “e el non foi capaz de facer nin unha, porque as que se remataron no seu primeiro mandato eran as que xa estaban licitadas”.

 

 

Besteiro convidou a facer memoria do que ocorreu durante os últimos oito anos, “das moitas cousas que fixemos os e as socialistas”, que supoñen “un aval” de cara ao 29N e mostran a diferenza entre o modelo que defenden a dereita e a ultradereita, por unha banda, e o PSOE pola contraria.

O líder socialista sinalou o problema da vivenda como un reto actual e para os vindeiros anos, marcando coma obxectivo moderar os prezos e buscando solucións coma as que propón o PSdeG para sacar ao mercado vivenda baleira, por exemplo a través dun banco público de alugueiro. “Moitos arrendadores estarían de acordo, porque non todos os caseiros son fondos voitre”, explicou para defender a continuación que o Goberno de Sánchez está precisamente buscando solucións diferentes dentro das escasas competencias que ten o Estado nesa materia.

 

 

Dentro da súa defensa dos dereitos e dos piares do estado de benestar, Besteiro reivindicou pensións dignas fronte a unha dereita que xa di “claramente” que “queren recortalas”. Criticou o modelo de PP e Vox, “cunha pequena base pública e despois ampliala cunha privada complementaria, iso que chaman modelo mixto”. “Iso é o que buscan”, insistiu.

 

 

 

José Ramón Gómez Besteiro referiuse á realidade de provincias coma Ourense ou Lugo, con “moitas similitudes”, nas que as políticas do Partido Socialista son especialmente necesarias. “Nos próximos anos temos que sacar adiante unha mellor mobilidade, fortalecer os servizos públicos e manter un sistema de pensións forte e estable. Nesta provincia, máis dun terzo da poboación depende dunha pensión pública”, lembrou. “É aí onde nos xogamos todos a utilidade do voto”, remarcou.

Por iso, cualificou de “vital” dar a batalla á dereita nestas provincias desde unhas candidaturas socialistas “que van garantir a posibilidade de non só facerlles fronte, senón gañar as eleccións”. “E non basta con gañar. Queremos gobernar para que gañe a xente”, asegurou. “En Lugo e en Ourense estamos a nada de conseguilo, e por iso tamén lles pido aos votantes de Sumar e do BNG que lean o momento histórico no que nos atopamos e que digan que hai que votar ao Partido Socialista”, reiterou.

 

 

 

Visita das candidatas socialistas a Valdeorras

Durante a visita a Valdeorras nesta xornada de domingo, as candidatas do PSdeG-PSOE de Ourense destacaron o “compromiso do Goberno de España coa recuperación dos territorios afectados polos grandes incendios forestais de 2025, a través dun conxunto de medidas económicas destinadas tanto a apoiar as persoas que sufriron directamente as consecuencias do lume como a recuperar o medio natural e protexer os recursos ambientais da provincia”.

Explicaron que a resposta do Executivo de Pedro Sánchez articúlase en dúas liñas de actuación diferenciadas e complementarias. “Por unha banda, un paquete estatal de 27 millóns de euros en axudas para compensar os danos e as perdas de renda das explotacións agrícolas e gandeiras afectadas, ao que poden acollerse explotacións de 35 concellos ourensáns incluídos no ámbito de aplicación do Real Decreto 939/2025. Por outra, 13 millóns de euros identificados para actuacións de restauración ambiental e protección hidrolóxico-forestal, destinados a recuperar os espazos naturais afectados e reducir os riscos derivados dos incendios”.

 

 

A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, considera que estas medidas representan “unha resposta concreta ás necesidades dunha provincia que sufriu especialmente as consecuencias dos grandes incendios forestais. O Goberno de España non se limita a expresar solidariedade cos territorios afectados, senón que mobiliza recursos económicos para axudar ás persoas que perderon parte da súa actividade e necesitan apoio para volver empezar”.

Rodríguez Dacosta destaca especialmente a inclusión de 35 concellos ourensáns no ámbito de aplicación destas axudas e sinala que “estamos falando dunha medida que chega directamente ao corazón do noso rural. Detrás de cada explotación agrícola ou gandeira hai familias, emprego, actividade económica e unha forma de vida que debemos protexer”.

 

 

 

“O sector primario é fundamental para Ourense. Non podemos permitir que os incendios supoñan tamén a perda de explotacións, de postos de traballo e de oportunidades nos concellos do interior. Por iso son tan importantes estas compensacións, o reforzo dos seguros agrarios e as medidas específicas para facilitar a incorporación da mocidade”, engade, subliñando tamén a importancia de que a tramitación se realice de oficio, reducindo a burocracia e facilitando que os recursos cheguen ás persoas beneficiarias. “O que necesitan os agricultores e gandeiros é apoio, axilidade e solucións. E iso é o que debe ofrecer unha administración comprometida co medio rural”, conclúe.

Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, pon o foco na necesidade de abordar a recuperación dos espazos afectados desde unha perspectiva integral e a medio e longo prazo. “Despois dos incendios queda un traballo enorme por diante. Hai que recuperar os solos, protexer as captacións e os cursos de auga, actuar sobre as ladeiras e evitar que as choivas posteriores multipliquen os danos. A recuperación ambiental é unha parte fundamental da resposta aos incendios e necesita recursos e planificación”, sinala.

 

 

Fernández Ojea destaca os 13 millóns de euros identificados para estas actuacións e considera que “é imprescindible que os recursos anunciados se traduzan en intervencións reais sobre o territorio, con transparencia, coordinación e información sobre o seu grao de execución”.

A candidata ao Senado lembra tamén que a protección ambiental está directamente relacionada coa capacidade de recuperación económica e social dos concellos afectados. “Protexer os montes, os solos e os recursos hídricos significa protexer tamén as explotacións agrarias, as actividades económicas e a calidade de vida das persoas que viven nestes municipios”.

“Ourense necesita que os territorios afectados polos incendios teñan futuro. Para iso fan falta medidas de emerxencia, axudas ás persoas afectadas e investimentos que permitan reconstruír e recuperar o territorio. Esa é a resposta que defendemos desde o PSOE”, conclúe.

 

Cedida.

 

Fotos e vídeo: O SIL.

Back to top button