
O Servizo Galego de Saúde abordaba esta mañá coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade as previsións do concurso específico da categoría de enfermeira/o especialista en enfermería familiar e comunitaria, nas que acordou aumentar en 182 o número de prazas ofertadas, segundo indica a Consellería de Sanidade.
Tal e como se informou, “este proceso rexerase polas bases do ano 2018 e, previsiblemente, desenvolverase nunha única fase, quedando bloqueadas todas as prazas incluídas de cara ao vindeiro ciclo de adxudicación do concurso de traslados aberto e permanente. Ábrese, ademais, un prazo para que as organizacións sindicais poidan trasladar as súas achegas”.
Na Mesa Sectorial de Sanidade desta mañá tamén se abordaron “as medidas excepcionais impulsadas pola Consellería para garantir a cobertura do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Así, e diante da carencia de persoal que afecta a este dispositivo, o departamento sanitario da Xunta anunciou a adopción de medidas urxentes”, segundo Sanidade.
Entre elas, e tal e como avanzou esta mañá o conselleiro de Sanidade no Parlamento galego, a disposición dunha bolsa de voluntarios, con 60 profesionais xa anotados, para afrontar as dificultades de cobertura do servizo de Urxencias de Ourense.
Ademais prevese estender ao persoal do servizo de Urxencias de Ourense as condicións favorables que acompañan ao criterio de difícil cobertura, como son a provisión de prazas fixas mediante concurso de méritos ou triplo de puntuación de dos méritos polos servizos prestados.