SanidadeÚltima hora

O Sergas publica a adxudicación sen exame de prazas de concurso de méritos para a categoría de facultativo especialista en Atención Primaria

A inminente publicación no DOG desta resolución abrirá un prazo de toma de posesión dun mes

Entrada ao Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Servizo Galego de Saúde vén de publicar na súa páxina web a relación de persoas adxudicatarias en primeira rolda do concurso de méritos convocado para prazas de categoría de facultativo especialista en atención primaria. “Esta relación foi xa remitida para a súa publicación oficial no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días. Desde esa publicación oficial abrirase un prazo dun mes para que as persoas adxudicatarias podan tomar posesión das súas novas prazas”, tal e como informa Sanidade.

Deste xeito, darase cobertura estable a 65 prazas de atención primaria de difícil cobertura que, ou ben se atopaban vacantes ou estaban cubertas por persoal interino e que non foran elixidas nos últimos procesos de concurso de traslados ou ofertas de emprego público.

Galicia incorpora con este proceso a 8 profesionais que non traballaban previamente en ningún outro servizo do Sergas, senón que proveñen doutras comunidades autónomas ou de organismos estatais como o Instituto Social da Mariña, e que decidiron optar a esta oportunidade de lograr unha praza en propiedade no Sergas.

Unha vez remate o prazo de toma de posesión, as 7 prazas que non foron adxudicadas nesta primeira rolda (A Mezquita, Calvos de Randín-Baltar, O Carballiño, O Carballiño-Beariz, Cualedro-Laza, Lobios-Entrimo e Ribeira) serán ofertadas de novo ao conxunto de persoas aspirantes que non obtiveron praza.

Estas adxudicacións prodúcense trala publicación no Diario Oficial de Galicia, o pasado 15 de decembro, da resolución pola que se fixo público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, relativo á baremación definitiva dos méritos do concurso, á publicación dos aspirantes seleccionados e pola que se convoca para o acto de elección de destino.

“Galicia segue a dar, pois, resposta á necesidade de minimizar o déficit de persoal en atención primaria”, segundo o Sergas, que lembra que a “través da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario do Sergas, a sanidade pública galega foi pioneira na medida, e así contará con novos médicos de familia con praza en propiedade en postos de difícil cobertura, e que terán atención ordinaria en centros de saúde e dúas gardas ao mes nos puntos de atención continuada (PAC) de referencia, cun compromiso mínimo de permanecer nese posto durante dous anos”.

Distribución por áreas sanitarias

As prazas adxudicadas son, por área sanitaria:
• Na área sanitaria da Coruña e Cee: Arteixo, Laxe e Vimianzo.
• Na área sanitaria de Ferrol: Ares, As Pontes, Narón (4) e Fontenla Maristany (2).
• Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza: A Pobra do Caramiñal, Boiro (3), Frades-Ordes, Mesía-Xanceda, Muros (Esteiro), Noia, Rianxo (2), Ribeira, Santa Comba, Teo (Cacheiras) e Trazo.
• Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos: Baralla, Burela, Castro de Rei (Castro Ribeiras de Lea), Guntín, Meira, Monforte de Lemos, O Vicedo, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Viveiro e Xermade.
• Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: A Pobra de Trives (2), A Rúa-Petín, A Rúa-Larouco, Carballeda de Valdeorras-Rubiá, O Carballiño-Punxín, Coles-Piñor, Lobeira-Bande, O Irixo-San Amaro, Nogueira de Ramuín-Paderne de Allariz, O Barco de Valdeorras (2), Punxín-San Amaro, Verín-Laza, Viana do Bolo-Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
• Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: Catoira, Forcarei, O Grove e Vilagarcía de Arousa (2).
• E na área sanitaria de Vigo: Aldán (Cangas), Arbo, Covelo, Pazos de Borbén-Fornelos de Montes, Ponteareas e Redondela (2).

Desta forma, nas próximas semanas incorporaranse 65 profesionais de medicina familiar e comunitaria a estes centros de saúde.

Proximamente, publicarase a resolución de puntuación e adxudicación provisional dos concursos de méritos convocados para as prazas de pediatría de atención primaria e de hospitais comarcais, consideradas tamén de difícil cobertura.

Artigos relacionados

Back to top button