SanidadeÚltima hora

O Sergas publica a relación de seleccionados polo sistema de concurso para o ingreso na categoría de médico de Urxencias Hospitalarias

As 9 prazas ofertadas son para cubrir o déficit de persoal nos hospitais públicos de Cee, A Mariña, O Barco de Valdeorras e Verín

 

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso na categoría de médico de urxencias hospitalarias e se inicia o prazo para a elección de destino.

A resolución da convocatoria deste proceso realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario, e para levar a cabo as accións previstas no Plan de Saúde de Galicia.

Ofértanse un total de 9 prazas que se corresponde co número de aspirantes definitivamente seleccionados. Da totalidade das persoas seleccionadas, 7 accederon pola quenda de acceso libre e 2 pola quenda de promoción interna, tal e como cocncreta o Sergas.

As 9 prazas ofertadas son para cubrir o déficit de persoal nos hospitais públicos de Cee, da Mariña, do Barco de Valdeorras e de Verín.

Prazo para a elección de destino e presentación de documentación

Coa publicación desta resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 1 ao 15 decembro de 2025), para que todos os aspirantes que participan no proceso seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme ás bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020.

A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información ao aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel.

A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

“Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento dos aspirantes”, segundo o Sergas.

Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso selectivo ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Back to top button