O Servizo Galego de Saúde sitúa a saúde mental, o fortalecemento da atención primaria e a dixitalización como obxectivos prioritarios da xestión sanitaria neste ano 2025. Así se establece nos Acordos de Xestión 2025, que recollen as liñas prioritarias da Xunta para conseguir un sistema sanitario máis eficaz, máis eficiente e máis centrado nas necesidades reais dos pacientes e dos que os coidan.
Os Acordos de Xestión 2025 foron asinados esta mañá nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e dos xerentes das sete áreas sanitarias, que asinaron os respectivos acordos.
Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta subliñou que os acordos de xestión deste ano recollen a vontade do Goberno galego de transformar o sistema público de saúde a través de cinco obxectivos estratéxicos e transversais prioritarios.
Como primeiro deses obxectivos, Gómez Caamaño referiu a procura dos resultados en saúde co propósito de medir o impacto real das intervencións sanitarias na calidade de vida dos pacientes. Ao respecto, Sanidade analizará millóns de datos clínicos o que permitirá tomar decisións máis informadas fomentando a mellora continua.
Respecto da saúde mental, como segundo obxectivo, a Xunta porá en marcha un novo plan de saúde mental, grazas ao que se reforzarán os equipos multidisciplinares, se aumentará o orzamento e se estenderá o apoio psicolóxico na atención primaria e no coidados dos menores.
A terceira das liñas prioritarias é a aposta pola promoción e a prevención da saúde, na que Galicia é referencia, fortalecendo a xestión dos programas de cribado poboacional, reforzando as campañas de vacinación e estendendo os hábitos de vida saudables.
O reforzo da atención primaria e cuarto dos ámbitos nos que Sanidade centrará os seus esforzos. A tal efecto, impulsará a atención domiciliaria como terceiro nivel asistencial, especialmente no coidado dos maiores, dos pacientes crónicos complexos e dos que están en situación de dependencia, favorecendo, deste xeito, a humanización e evitando hospitalizacións innecesarias.
Tamén será prioritario para a Xunta seguir a mellorar as listas de espera e os tempos medios de espera. Neste apartado, o conselleiro felicitou aos profesionais do Servizo Galego de Saúde por conseguir pechar o ano como unha das comunidades autónomas con mellores tempos para cirurxía e consultas.
Finalmente, a innovación e a dixitalización, coa ampliación da hospitalización a domicilio e a integración da intelixencia artificial para personalizar tratamentos, será unha das prioridades da Xunta en materia sanitaria para o presente ano.
O conselleiro incidiu na súa intervención que con esta sinatura a Xunta renova o seu compromiso cunha sanidade pública moderna, humana e eficiente que, máis ca nunca, pon ás persoas no centro do sistema.
Máis de 70 indicadores
Os acordos hoxe asinados polo xerente do Servizo Galego de Saúde e os xerentes das sete áreas sanitarias establecen un conxunto de 71 indicadores concretos que medirán a calidade da xestión sanitaria neste ano en función da súa adaptación aos obxectivos establecidos.
Trátase dun conxunto amplo, diverso e ambicioso de indicadores que van desde o incremento das taxas de vacinación da gripe entre profesionais sanitarios ata as taxas de hospitalización por enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, a formación dos profesionais ou as compras centralizadas.