
O Servizo de Anestesia e Reanimación do Hospital Universitario de Ourense atendía o pasado ano 2024, un total de 710 ingresos na Unidade de Reanimación (REA), todos eles pacientes de risco, ben tras un evento traumático grave, ou despois dunha cirurxía complexa, nos que a intervención do equipo de anestesioloxía resulta determinante para garantir a súa supervivencia e recuperación.
Máis da metade dos pacientes ingresados na REA do Hospital Universitario son pacientes politraumatizados en risco vital, tras sufrir un accidente de circulación, doméstico ou laboral, unha agresión ou un intento autolítico, que resultan nunha emerxencia vital no que o tempo e a experiencia son claves.
Estes datos ilustran precisamente o lema elixido hoxe para conmemorar o Día Internacional da Anestesioloxía “O invisible que fai posible a vida”, este ano adicado en dar a coñecer o seu importante papel, na atención a emerxencia e ao paciente crítico, moi especialmente desde as unidades de Reanimación, nas que o seu traballo pasa moitas veces inadvertido, pese a súa importancia nos periodos de maior gravidade dos pacientes, onde a vixilancia intensiva é indispensable para a súa seguridade.
O Código Trauma: coordinación e resposta ante o trauma grave
A anestesioloxía é unha especialidade que vai moito máis alá do papel de “dormir” ao pacientes antes dunha operación. Nos servizos de reanimación, a súa intervención céntrase en estabilizar pacientes, que chegan nunha situación de extrema gravidade, ben por un trauma severo, unha hemorraxia masiva, ou unha complicación postoperatoria.
A súa capacidade para garantir a ventilación, manter a presión arterial, controlar a dor e previr complicacións converte a esta especialidade nun eixo central da atención a emerxencia e de soporte vital avanzado.
O Servizo de Anestesioloxía e Reanimación de Ourense participou activamente na elaboración e implantación do Código Trauma, protocolo impulsado polo Servizo Galego de Saúde para mellorar a atención ás vítimas de traumatismo grave en toda Galicia.
O Código Trauma establece e homologa unha resposta estruturada e inmediata ante un accidente grave, coordinando todos os recursos asistenciais, desde o momento da chamada ao 061 ata a chegada do paciente ao hospital e o seu ingreso no quirófano ou na unidade de reanimación. Este protocolo permite acurtar tempos, activar equipos multidisciplinares e garantir que o paciente reciba a atención máis adecuada na coñecida “hora de ouro”, intervalo decisivo que pode marcar a diferenza entre a vida e a morte.

No caso de Ourense, o Servizo de Anestesia non só participou na elaboración do protocolo, senón tamén ten un papel referente na formación do persoal sanitario na atención a emerxencia. De feito, o Hospital Universitario de Ourense conta cunha longa tradición docente na atención ao trauma grave, con profesionais acreditados como instrutores do cursos ATLS (Advanced Trauma Life Support), considerado un clave nesta atención, así como numerosos profesionais formados nesta metodoloxía de referencia na atención ao paciente politraumatizado.
179 anos da primeira intervención con anestesia
A conmemoración do 16 de outubro lembra a data da primeira intervención cirúrxica na que se empregou anestesia, no Hospital Xeral de Massachusets de Boston, en 1846. A partir de entón, a evolución e avance da anestesia permitíu o desenvolvemento da cirurxía moderna de doutras moitas especialidades, imposible sen os métodos e coñecementos da anestesia actual, así como a atención a pacientes críticos, nas unidades de reanimación.
Os e as especialistas en Anestesioloxía e Reanimación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras participan en máis de 15.000 intervencións cirúrxicas anuais, delas entre 1.200 e 1.300 de alta complexidade; en máis do 80% dos partos, aplicando anestesia epidural ou intradural, ademais de ingresar e atender anualmente a máis de 700 pacientes críticos, na unidade de Reanimación. Realizan máis de 12.000 consultas, fan posible todo tipo de probas diagnósticas e procedementos doutros servizos, ademais de plantarlle cara directamente a dor, a través da súa propia unidade, unha das primeiras postas en marcha en España, e a única con certificación de calidade.
Presente nos tres hospitais de Ourense, Verín e Valdeorras, Anestesia é tamén un servizo docente, de longa traxectoria na formación de especialistas vía MIR, 14 na actualidade, ademáis de formación pregrao.