SanidadeÚltima hora

O Servizo de Anestesioloxía de Ourense avanza cara unha anestesia máis sostible e personalizada

Ourense conta cunha das unidades de Reanimación pioneiras de Galicia, creada en 1972, e a súa Unidade da Dor cumprirá 50 anos en 2027

 

O Servizo de Anestesioloxía e Reanimación do Hospital Universitario de Ourense continúa incorporando avances tecnolóxicos para controlar a dor do paciente e mellorar a súa seguridade antes, durante e despois dunha cirurxía, reducindo tamén os riscos para o medio ambiente e o clima.

Entre estas medidas destaca a eliminación do uso de óxido nitroso, un gas anestésico, cun elevado impacto climático, así como a incorporación de nova tecnoloxía para administrar anestésicos inhalatorios na sedación de pacientes críticos, cun reducido impacto ambiental.

Estas actuacións enmárcanse na evolución dunha especialidade que, hoxe 16 de outubro, conmemora o seu nacemento, coincidindo coa primeira demostración pública do poder anestésico do eter nunha operación, realizada en Boston en 1846, hai xa 180 anos.

Antes, durante e despois da cirurxía

O lema deste día mundial lembra a presenza imprescindible da anestesia na evolución da cirurxía, baixo o lema «Antes, durante e despois da cirurxía» xa que o seu papel comeza moito antes da entrada a quirófano.

A valoración preanestésica permite coñecer o estado de saúde do paciente, identificar posibles riscos e planificar a técnica máis adecuada segundo as súas características, as enfermidades asociadas e o procedemento previsto. Mostrar delo durante 2025, o Servizo realizou un total de 9.655 consultas preanestésicas e ata 7.014 consultas externas.

Durante as intervencións, encárganse de administrar e controlar a anestesia, vixiar as constantes vitais e manter a estabilidade das funcións respiratoria e cardiovascular, claves especialmente ante unha intervención urxente ou crítica, pero tamén para garantir a analgesia durante o parto, ou facilitar a realización de procedementos diagnósticos ou terapéuticos

O desenvolvemento de novos fármacos, respiradores e sistemas de monitorización permite adaptar a anestesia ás necesidades de cada persoa, unha capacidade especialmente relevante nunha área sanitaria cunha elevada proporción de pacientes de idade avanzada e maior porcentaxe de persoas con enfermidades crónicas ou con varias asociadas.

Favorecer a recuperación despois da intervención

A atención continúa despois da intervención, durante a recuperación dos efectos da anestesia e a vixilancia de posibles complicacións. En 2025, a Unidade de Recuperación Postanestésica (URPA), comúnmente coñecida como despertar, rexistrou ata 7.476 atencións, mentres que o servizo atendeu directamente na Unidade de Reanimación (REA) 830 ingresos de pacientes críticos.

Novas posibilidades para a sedación de pacientes críticos

Un dos avances tecnolóxicos neste eido é a posibilidade de empregar anestésicos inhalatorios, tamén fóra do quirófano, especialmente en pacientes críticos que precisan ventilación mecánica.

O Hospital Universitario de Ourense dispón de tecnoloxía para administrar esta modalidade de sedación, mediante dispositivos que permiten utilizar anestésicos inhalatorios como o isoflurano en pacientes seleccionados.

A sedación é necesaria en determinadas situacións para facilitar a adaptación ao respirador, garantir o confort do paciente e permitir a aplicación dos tratamentos. Esta modalidade inhalatoria ofrece unha alternativa aos medicamentos intravenosos empregados habitualmente.

Asemade, estes dispositivos incorporan sistemas que conservan e reutilizan parcialmente o anestésico expulsado durante a respiración, reducindo o seu consumo.

Unha anestesia máis sostible

Esta redución do consumo é especialmente importante na pegada ambiental na que desde hai uns anos traballa o Servizo de Anestesia, tendo en conta que moitos dos gases anestésicos, habitualmente empregados contribúen ao efecto invernadoiro, cando se liberan á atmosfera, aínda que existen grandes diferenzas entre eles.

Neste ámbito, o Hospital Universitario de Ourense eliminou o uso de óxido nitroso como anestésico, un gas cun importante impacto ambiental debido á súa persistencia na atmosfera.

A estratexia de sustentabilidade tamén contempla a selección de axentes anestésicos de menor impacto climático, cando resultan adecuados para o paciente, a utilización de sistemas de baixo fluxo de gases frescos para reducir o consumo e o aproveitamento de tecnoloxías máis eficientes, incorporando criterios ambientais á práctica clínica.

Máis de medio século de Reanimación e case cincuenta anos de tratamento da dor en Ourense
O desenvolvemento da Anestesioloxía moderna en Ourense está ligado á creación da unidade de Reanimación en 1972, unha das primeiras de Galicia.

Cinco anos despois, en 1977, creouse a Unidade da Dor, pioneira a nivel galego e unha das primeiras a nivel nacional, que cumprirá cincuenta anos o próximo ano 2027.

Estas unidades reflicten a ampliación progresiva das funcións da especialidade, desde a anestesia cirúrxica ata os coidados críticos e o tratamento especializado da dor aguda e crónica.

A Unidade da Dor desenvolve unha actividade orientada á avaliación e tratamento de pacientes con dor persistente, mediante unha amplísima carteira de servizos que inclué a totalidade de técnicas e procedementos terapéuticos validados, co obxectivo de mellorar o control da dor, a funcionalidade e a calidade de vida.

Back to top button