
O Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense diagnostica ao redor de 50 novos casos anuais de melanoma, un cancro de pel que incrementa sostidamente a súa incidencia nas últimas décadas, polo que os especialistas insisten na importancia da prevención e da detección precoz para mellorar o prognóstico.
Segundo explica o doutor José Álvarez, especialista do Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense, “o máis importante para diagnosticalo rapidamente é revisar os lunares periodicamente e ver se algún ten cambios, sobre todo cambios de tamaño ou de cor. Se vemos que un lunar cambia na súa evolución, é conveniente consultalo”. O especialista lembra ademais que “a incidencia actual de melanoma en Ourense é duns 50 casos ao ano, pero é unha incidencia en aumento, polo que é fundamental incrementar a prevención”.
Menor prevalencia. Maior gravidade
O melanoma é un tumor que se orixina nos melanocitos, as células responsables da pigmentación da pel. Aínda que representa a menor porcentaxe dos cancros cutáneos, é responsable da maior parte das mortes asociadas a estes tumores, pola súa capacidade de producir metástases. Velaí da importancia de detectalo nas fases iniciais, cando a curación é posible na maioría dos casos.
A incidencia do melanoma continúa aumentando tanto en España como no resto de Europa, polo que os dermatólogos alertan sobre o incremento da exposición solar sen protección e moi esoecialmente das queimaduras durante a infancia e adolescencia, que multiplican o risco futuro de desenvolver cancro de pel.

Bulos nas redes sociais
Este ano a campaña Euromelanoma 2026 céntrase na difusión de información rigorosa, fronte a falsos mitos sobre o sol e o bronceado, que se están a expandir nos últimos anos a través das redes sociais. Entre eles, os dermatólogos alertan da falsa crenza de que “un bronceado saudable protexe a pel” ou de que “as queimaduras solares só son perigosas no verán ou na praia”.
Os especialistas lembran que non existe un bronceado seguro e que calquera cambio de cor na pel é xa unha resposta ao dano producido pola radiación ultravioleta. Tamén desmenten outras mensaxes difundidas nas redes, que minimizan o risco das cabinas de bronceado artificial ou cuestionan o uso de protección solar.
Regra ABCDE para detectar lesións sospeitosas
Os dermatólogos e recomendan prestar atención á chamada regra ABCDE para identificar lesións pigmentadas potencialmente perigosas:
A: Asimetría.
B: Bordes irregulares.
C: Cor non homoxénea ou con diferentes tonalidades.
D: Diámetro superior a 6 milímetros.
E: Evolución ou cambios rápidos na lesión.
Tamén se recomenda consultar ante lunares diferentes ao resto, lesións que sangren, piquen ou modifiquen rapidamente o seu aspecto.

Prevención e protección solar
A exposición solar acumulada ao longo da vida continúa sendo o principal factor de risco modificable. Por este motivo, os especialistas recomendan evitar a exposición nas horas centrais do día, utilizar fotoprotección elevada durante todo o ano e complementar as cremas solares con medidas físicas como gorra, roupa ou lentes de sol.
Ourense foi unha das primeiras áreas sanitarias galegas en implantar vías rápidas e protocolos específicos para a atención temperá ante a aospeita de melanoma,,e reforzou nos últimos anos a capacidade diagnóstica da Atención Primaria, coa incorporación de dermatoscopios nos centros de saúde e novo equipamento dixital no Servizo de Dermatoloxía.