SanidadeÚltima hora

O servizo de Dermatoloxía do CHUO, centro de aprendizaxe da técnica cirúrxica da hidradenitis supurativa

Dous especialistas do Hospital Severa Ochoa de Leganés e Hospital Universitario La Paz de Madrid visitaron o CHUO para aprender o manexo cirúrxico dos pacientes afectados por esta enfermidade

 

O Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense acollía esta na mañá a visita de dous especialistas dos Hospitais Severo Ochoa de Leganés e do Hospital La Paz de Madrid que viñan a coñecer de primeira man o tratamento cirúrxico da hidradenitis supurativa que os especialistas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) levan facendo con gran éxito durante os dous últimos anos.

A hidradenitis supurativa é unha enfermidade inflamatoria crónica que se caracteriza pola aparición recorrente de lesións nodulares e abscesiformes especialmente en pliegues, dolorosas, que progresan cara a fístulas, cicatrización e fibroses, o que conleva unha gran morbilidade local e unha grave deterioración da calidade de vida dos pacientes que a sofren.

Os pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras con hidradenitis supurativa benefícianse de contar cunha unidade de dermatoloxía integral, xa que resulta importante contar cun tratamento médico e cirúrxico combinado para axudar a controlar a enfermidade e previr complicacións.

 

 

O dermatólogo do CHUO, Fernando Cabo, explica a “a hidradenitis supurativa é unha enfermidade crónica que non ten ten tendencia á curación espontánea e cuxo tratamento soe ser mixto, con antibióticos e tratamentos biolóxicos combinados coa cirurxía”. O dermatólogo ourensán explica que “a técnica cirúrxica empregada no Hospital Universitario de Ourense consiste nun primeiro momento en detectar todos os túneles implicados que provocan esta enfermidade e unha posterior colocación duns pequenos tubos de goma co obxectivo de liberar a inflamación da zona afectada”.

O doutor Kiril Magaletskyy Kharachko, do Hospital Universitario Severo Ochoa de Leganés, e a doutora Rafaela de Moraes Souza, do Hospital Universitario La Paz de Madrid, estiveron esta mañá na área cirúrxica do CHUO para aprender a forma de afrontar a cirurxía desta patoloxía por parte dos especialistas do servizo de dermatoloxía ourensán que practican unha técnica coa utilización de setones ou drenaxes cirúrxicos de goma.

A hidradenitis supurativa, tamén coñecida como acné inversa, non é só un forúnculo, é unha afección que provoca a formación de pequenas e dolorosas protuberancias debaixo da pel. As protuberancias adoitan aparecer en zonas onde a pel rózase, como as axilas, as íngles, os glúteos e as mamas. Cúranse lentamente, reaparecen e poden derivar en túneles debaixo da pel e cicatrices.

 

 

Esta enfermidade tende a comezar despois da puberdade, polo xeral antes dos 40 anos e pode persistir durante moitos anos e empeorar co tempo. Pode afectar a vida diaria e o benestar emocional. As mulleres teñen tres veces máis probabilidades de desenvolver hidradenitis supurativa.

O diagnóstico precoz da hidradenitis supurativa é fundamental para un tratamento eficaz e polo tanto é importante consultar co dermatólogo xa que esta afección soe provocar dor, aparece en varios lugares, fai difícil o movemento, provoca brotes a miúdo, e adoita a repetirse as poucas semanas do inicio do tratamento.

Artigos relacionados

Back to top button