
Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Linfoma, desde o Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense queren transmitir unha mensaxe de esperanza para os pacientes, ao redor de 40 persoas están actualmente a tratamento, destacando o importantísimo avance nos tratamentos.
Cada ano se diagnostican en Ourense entre 45 e 55 novos casos, incluíndo a leucemia linfática crónica. Os linfomas son tumores que se orixinan nos linfocitos, células do sistema inmune encargadas da defensa ante as infeccións “Cando estas células perden os mecanismos de control e comezan a multiplicarse sen freo, aparece o linfoma”, explica o Carlos Ulibarrena, un dos especialistas do servizo de referencia na atención ao linfoma.
Aínda que se denominan comúnmente como un tipo de cancro, Ulibarrena matiza: “Un número significativo de linfomas non requiren tratamento inmediato, e teñen un impacto limitado sobre a supervivencia. Non todos son sinónimo de risco vital”. Comparados cos tumores de órgano sólido (colon, pulmón..) a súa incidencia é menor. Os datos indicant que anualmente detectanse 6.000 novos casos en España; unha incidencia un pouco maior na nosa provincial tendo en conta que é máis frecuente coa idade.
Baixo o termo linfoma recóllense máis de 50 enfermidades distintas, que poden ir desde formas que non precisan tratamento ata variantes extremadamente agresivas. A maioría dos pacientes chegan á consulta por algún ganglio que o propio paciente ou o seu médico detectan na exploración ou por algunha proba radiolóxica. “O sospeitoso é aquel que non desaparece , en tres ou catro semanas, no pescozo, axila ou íngle, que aumenta de tamaño e non ten unha causa local, acompañado de síntomas como febre, perda de peso ou sudoración nocturna”, indica o hematólogo.
Outra vía de detección, menos habitual, é o achado casual dun aumento de linfocitos nunha análise de sangue convencional. Aínda que poida ser moi alarmante, pola confusión coas leucemias agudas, en xeral, son formas pouco agresivas. Igualmente, outros pacientes debutan con afectación do estado xeral e síntomas inespecíficos: perda de peso, febre sen infección.
Outro clásico síntoma é a “sudoración nocturna” vese noutros moitos pacientes, especialmente con diabéte, pero tamén persoas sas. Desde o Servizo lembran que non existen medidas claras de prevención, polo que é fundamental estar atentos aos sinais de alerta, e acudir ao médico de Atención Primaria ante calquera dúbida.

Avances recentes no tratamento
Nos últimos anos estase a rexistrar avance sen precedentes nos tratamentos dispoñibles. Ademais da quimioterapia e os anticorpos monoclonais, agora disponse de novos fármacos dirixidos e anticorpos biespecíficos, así como terapias celulares CAR-T, xa incluídos na carteira de servizos do Sergas para os pacientes onde están indicados.
Os novos tratamentos están a ofrecer respostas duradeiras en casos que antes eran practicamente incurables. Neste senso, desde o Servizo de Hematoloxía, destacan que “as terapias CAR-T e os anticorpos biespecíficos representan unha auténtica revolución”. En Ourense xa son sete os pacientes que recibiron tratamento coa terapia celular CAR-T.
Desde o Servizo lembran que é importante transmitir unha mensaxe de esperanza: hoxe, máis da metade dos linfomas agresivos poden curarse, e en moitas formas dos linfomas “indolentes” pódese levar unha vida longa e de calidade sen tratamento inmediato.