O servizo de Neuroloxía do CHUO organiza, en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR) e o Club de Xadrez Liceo de Ourense, un torneo solidario de xadrez que se celebrará o venres 20 de setembro, para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer.
Este torneo celebrarase no parque biosaúdable do CHUO, situado na azotea do edificio de hospitalización, e estará dirixido aos pacientes de alzheimer, aos seus familiares, afeccionados ao xadrez e aos traballadores da Área Sanitaria de Ourense que desexen sumarse a esta iniciativa solidaria. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse no Servizo de Atención ao Paciente e Humanización do CHUO ou no teléfono 988 388 515.
A actividade, coordinada polo Xefe de Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Ourense, Daniel Apolinar García Estévez, e por Joaquín Bello, mestre de xadrez, busca visibilizar os beneficios da utilización de ferramentas e xogos, como pode ser o xadrez, no adestramento cognitivo. Este tipo de exercicios permiten atrasar o envellecemento cerebral e diminuír así o risco de desenvolver alzhéimer, así como outras demencias senís.
O Alzheimer é unha enfermidade neurodexenerativa que comeza borrando a memoria a curto prazo e provocando cambios no carácter, cun aumento da irritabilidade. O enfermo vai perdendo capacidades da linguaxe e a memoria, sofre alteracións visioespaciales, ten cambios de comportamento. Rosa Rodríguez, a neuróloga responsable da consulta de demencias e alzhéimer do CHUO fai fincapé “na importancia da prevención, o diagnóstico precoz e os tratamentos que axudan a frear esta enfermidade. No caso do alzhéimer, por ser unha enfermidade neuronal, os xogos de cartas, o xadrez, a música ou a lectura son un gran aliado para manter o cerebro en forma”.
A doutora Rodríguez fala dunha enfermidade que vai en aumento sen descanso. «As cifras son abafadoras e a incidencia duplícase cada cinco anos». Un tema importante nunha provincia envellecida como Ourense, onde hai ao redor de 11.000 pacientes diagnosticados con algún tipo de demencia, o 70 % deles alzhéimer. Porque aínda que pode deberse a varias causas (un infarto cerebral, unha situación postraumática, un tumor, un déficit vitamínico ou mesmo unha infección), a idade é un factor de risco e a de Ourense é unha das máis envellecidas do estado . Estímase que o 12 % dos maiores de 65 anos están afectados e a porcentaxe oscila entre o 30 e o 50 % dos que superan os 85.