Profesionais do Servizo de Traumatoloxía do Hospital Universitario de Ourense realizaron estes días unha nova técnica cirúrxica, para dar resposta a unha grave lesión que afectaba á funcionalidade do pulso en dous pacientes, e contou coa presenza dun dos referentes internacionais na cirurxía da man, o Dr. Luis Scheker do Christine M. Kleinert Institute for Hand and Microsurgery, de Louisville (Estados Unidos).
Os dous pacientes, un home e unha muller, ambos de 53 anos, sofrían unha grave lesión na articulación radiocubital distal de longa evolución, que limitaba o movemento do pulso, con gran afectación funcional e dor crónica. Ambos con fracasos previos ou secuelas doutras abordaxes clínicas, polo que a alternativa de rescate elixida foi a substitución da articulación danada, mediante o implante dunha prótese, na que Dr. Scheker é pioneiro e contribuiu a desenvolver.
As intervencións foron realizadas pola especialista do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica Marta Méndez Álvarez, acompañada polo facultativo do mesmo servizo, Rafael López de Ramón, co apoio da enfermeira instrumentista, Silvia Salgado Garrido, e coa presenza e respaldo en quirófano do propio Scheker, ademais doutros dous especialistas que se desprazaron desde Ferrol e A Coruña para coñecer a técnica.
Ambas requeriron dúas horas de quirófano e os pacientes tan só permaneceron hospitalizados 48 horas de ingreso, sendo dados de alta a domicilio sen escaiola e cunha vendaxe de protección, para facilitar a inmediata mobilización. De feito, esta intervención non require dunha rehabilitación complexa, salvo a realización duns sinxelos exercicios que poden realizarse na casa. Ambos pacientes evolucionan favorablemente e sen dor.
Evolución favorable na primeira revisión
A doutora Méndez destaca a pronta recuperación da mobilidade na articulación e a ausencia de dor, destacando que un deles xa non precisa calmantes, tras anos nos que estes foron imprescindibles. Na primeira revisión ambos presentan unha mellora evidente, e tan só deben evitar de momento a carga de peso.
Marta Méndez subliña a honra de contar en Ourense “cunha lenda da cirurxía traumatolóxica” da que todos os especialistas aprenderon e continuan a facelo. Luis Scheker exerce no Christine M. Kleinert Institute for Hand and Microsurgery, (Instituto de Microcirurxía e da Man) de Louisville, Kentucky, onde segue vinculado á investigación. Scheker é profesor clínico asociado de cirurxía (plástica e reconstrutiva) na Universidade de Louisville e profesor asistente consultor de cirurxía na Universidade de Duke.
O seu equipo de cirurxía da man realizou o primeiro transplante de doante de man en 1999, e é o creador da primeira e única prótese bipolar existente para a articulación radiocubital distal, empregada para os casos de dano irreparable nesta articulación da man, que xa vai pola súa sexta xeración con 5.000 implantadas a nivel mundial.
Nado en Santo Domingo pese a desenvolver toda a súa vida profesional nos Estados Unidos, o doutor Scheker formouse na Universidade de Santo Domingo, e realizou a súa formación de posgrao especializándose naen Cirurxía Plástica e Reconstrutiva en Londres, e na Universidade de Glasgow en Escocia.
As súas publicacións son ben coñecidas por todos os especialistas interesados na complexa e superespecializada cirurxía da man, sendo coeditor do libro “The Growing Hand” (A man que crece) para o diagnóstico e manexo infantile. Algunhas das súas áreas de especialización inclúen a reconstrución microvascular, as anomalías conxénitas, a articulación carpometacarpiana, a articulación radiocubital distal e a articulación radiocubital proximal. Desenvolveu varias técnicas para preservar e substituír as articulacións. Creou articulacións artificiais para substituír a articulación radiocubital distal, a articulación radiocubital/radiocarpiana e a articulación radiocubital proximal do antebrazo, ademáis dunha articulación basal do polgar.
Fotos e vídeo cedidos.