A Casa Consistorial de Parada de Sil acollía esta mañá o acto central da celebración das Letras Galegas neste municipio, na que se lle rendía homenaxe a Francisco Javier Carballo García, nacido en Casa do Vento (Parada de Sil) doutor e profesor de Tecnoloxías dos Alimentos na Facultade de Ciencias no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, investigador recoñecido con mumerosas publicacións.
Ademais ese mesmo acto servía para entregar os premios do XIV Concurso de Microrrelatos Concello de Parada de Sil-Ribeira Sacra, cun notable éxito de participación. Nesta edición o certame recibía 908 microrrelatos, dos que 636 procedían de España (de todas as comunidades autónomas e Ceuta e Melilla).
O primeiro premio en Galego era para o microrrelato titulado “Acta de Desaparición” do Autor Manuel Alejandro Rodríguez Acosta con domicilio en Sevilla que recibía o premio de 1.000 euros. Daba lectura ao seu relato e era moi aplaudido polo público asistente. Despois explicaba que el era nado en Sevilla e que o que máis cerca tiña de Galicia era un avó que nacera en Puebla de Sanabria, pero que descubriu o galego e entroulle o desexo de coñecelo. A dicir do alcalde Aquilino Domínguez ten un magnífico manexo do idioma, xa que fixo un agradecemento en galego.
O primeiro premio en castelán correspondíalle á canaria Patricia Sánchez Ramos co microrrelato titulado “La partitura de las mareas”, tamén dotado con 1.000 euros. Esta galardoada non puido asistir, pero mandou un vídeo. O seu microrrelato foi lido por unha voluntaria Rosamarí, a quen o Alcalde lle agradeceu o xesto.

Os outros premios recaeron en microrrelatos en castelán sendo o segundo dotado con 500 euros para “El eco de los pétalos secos” de Carmen Apolonia Jiménez Quero de Córdoba e o terceiro para o arxentino Matías Leonardo Thano de Ciudad Autónoma de Bos Aires con 300 euros.
A entrega concluía cunha nova actuación da Capela Madrigalista.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

