
O SilFest Valdeorras arrinca a programación especial do seu décimo aniversario cunha proposta que transcende o formato concerto, preparando unha maridaxe sonora para o vindeiro 16 de maio na Adega Roandi, en Éntoma (O Barco de Valdeorras), “unha cita que condensa a esencia do festival nunha experiencia íntima onde o viño e o directo dialogan en pleno corazón de Valdeorras”, aseguran dende a organización.
Lonxe do escenario habitual, esta cita funciona como un aperitivo ideal do que representa SilFest desde hai xa unha década: un xeito distinto de vivir a música conectada coa contorna, a cultura e as emocións. Neste caso, a través dunha cata sensorial onde o viño e a música dialogan en directo.
A actividade estará guiada pola catadora Mercedes Rodríguez, que conducirá aos asistentes por unha selección de viños con identidade propia, mentres o músico Tomás Porteiro poñerá banda sonora en vivo a cada un dos momentos, creando unha experiencia íntima e moi especial.
Esta proposta enmárcase dentro do programa Portas Abertas da Ruta dos Viños de Galicia, subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia e en colaboración coa Ruta do Viño Valdeorras, e reforza o vínculo do festival co territorio que o viu nacer. Unha filosofía que converteu a SilFest, dez anos despois, en moito máis que un festival, “nunha experiencia cultural que conecta música, paisaxe e comunidade”.
O evento, cunha capacidade limitada a 40 asistentes, terá lugar o sábado 16 de maio ás 20 horas no balcón da Adega Roandi (O Lagar s/n, Éntoma). As inscricións poden realizarse a través do correo info@silfestvaldeorras.com ou por WhatsApp no 644 15 08 95.
