Como “unha das citas culturais obrigadas da provincia de Ourense e de toda Galicia, por méritos propios”. Así se presenta a 9ª edición do SilFest Valdeorras que conta co apoio de institucións como o Concello do Barco, a Deputación de Ourense e a Axencia de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e patrocionadores como o C.R.D.O. Valdeorras e Mahou-San Miguel.

Así o destacaba un dos seus directores, Jorge Álvarez, na presentación que tiña lugar na mañá deste martes 24 de xuño na praia fluvial do Malecón barquense onde, en menos dunha semana, se desenvolverá o evento. O propio Jorge destacou que este ano tocan teito no eido musical con bandas como Biznaga ou Heredeiros da Cruz de extenso percorrido “aínda que seguimos na liña de tirar tamén de bandas emerxentes e locais como Mrs. Fine, Pándega ou Nerea Jiménez, complementando o apartado musical coas actividades que temos plantexadas como vén sendo habitual, catas de viño, showcookings, kaiaks para navegar polo Sil, o MiniSilfes como festival paralelo para os máis pequenos…”
A dez días da cita, dende o festival fan xa un balance moi positivo “porque hai vendidas máis entradas de fóra que nunca, de practicamente todos os puntos de España. Das catro provincias galegas, Asturias, León, Cataluña, Canarias,… Xente que repite buscando escapar deses festivais masivos, masificados. O SilFest é outra cousa, é unha festa, sen colas nin aglomeracións nun entorno idílico”, di Jorge, adiantando que esperan contar coa asistencia dunhas 2.000 persoas.

A presentación contaba asemade coa presenza do alcalde do Barco, Alfredo García; das concelleiras de Cultura e Turismo do Barco, Margarida Pizcueta e Alba Rodríguez; do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; do deputado provincial da Deputación de Ourense, Jorge Pumar; do xestor de mercado de Mahou-San Miguel en Galicia, Gerardo Rodríguez; do director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira; e do codirector do festival, Jose Carlos Vilor.
Na súa intervención, o delegado da Xunta asegurou que se trata dun certame multicultural que nestes anos foi quen de mover preto de 11.000 persoas e difundir moitos dos elementos que fan única esta comarca como a natureza, o enoturismo e o Camiño de Santiago. Neste sentido, Manuel Pardo destacou que se trata “dunha proposta que encaixa co modelo turístico galego ao permitir, ademais, diversificar a oferta turística no interior de Galicia”.

O representante do Goberno galego agradeceu á organización a súa aposta e animou a aproveitar “esta celebración para coñecer a comarca, na que haberá música en directo, tanto popular como tradicional, mesturada con gastronomía que aposta pola promoción dos produtos da contorna, poñendo en valor as catas dos viños de Valdeorras e na que tamén se promoverá o patrimonio da man do Camiño de Inverno”.

“A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o SilFest”, dixo Pardo, incidindo que na provincia da Ourense, suma preto dunha vintena de eventos, destacando figuras como Justin Quiles, Carlos Núñez, Sés, Jethro Tull ou Los Secretos, entre moitas outras.

Pola súa banda o alcalde do Barco destacou o SilFest como “un clásico, unha actividade que temos no verán e que xa está absolutamente consolidado e na liña de crecemento, sen esquecer que non quere ser un festival que se desborde, polo que é un éxito estando no lugar que quere”.
En representación da Deputación de Ourense Jorge Pumar daba a noraboa á organización deste festival “que combina música, gastronomía, actividades infantís ás que se suma a sustibilidade, nunha paraxe idílica na que educar aos pequenos como manter as zonas verdes e ao mesmo tempo desfrutalas”, dixo, destacando o arraigo deste festival cultural con anos de traxectoria na provincia e que a Deputación “sempre irá da man deste tipo de actividades”.
Toda a información sobre el festival e mesmo información útil sobre Valdeorras en silfestvaldeorras.com.


Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.