En portadaÚltima horaVídeos

O SilFst Valdeorras pecha unha X edición para o recordo, marcada tamén polas altas temperaturas

 

O SilFest Valdeorras pecha unha décima edición para o recordo, confirmando o “excelente momento que atravesa o festival ourensán”. Durante tres xornadas, O Barco de Valdeorras volveu converterse nun punto de encontro para amantes da música, a natureza e a cultura, nunha edición marcada polo gran ambiente, a alta participación en todas as actividades e un tempo excepcional que permitiu desfrutar do festival en todo o seu esplendor.

 

 

A contorna volveu ser un dos grandes protagonistas. Malia as altas temperaturas o río Sil converteuse no mellor refuxio para asistentes chegados de diferentes puntos de España, aínda que a calor foi un dos protagonistas da fin de semana tamén no festival. As zonas de descanso xunto á auga, as catas de viño, a oferta gastronómica e os talleres completaron unha experiencia que vai moito máis alá da música e que distingue ao SilFest dentro do panorama festivalero.

 

 

A celebración arrincou o xoves cunha xornada inaugural aberta ao público. O concerto de La Gloria serviu como pistoletazo de saída, levando a mellor música ao centro da cidade do Barco. A continuación, a festa inaugural a cargo de Txetxu DJ terminaba de redondear un arranque perfecto para unha edición tan especial do festival.

 

 

O venres, o recinto abriu as súas portas para recibir a un público entregado que desfrutou dunha intensa xornada de concertos protagonizada por Mazu, Zabriskie, Begut, La Paloma e Bum Motion Club, nunha xornada na que o espírito de SilFest, ese que aposta pola combinación de artistas emerxentes e propostas consolidadas, brillou especialmente. Os bercianos Mazu cumprían coa complicada tarefa de abrir o festival no recinto e, ademais, a unha hora á que a calor aínda apertaba con forza. Con todo, non só conseguiron ese obxectivo, senón que sorprenderon coa enerxía contaxiosa do seu pop-rock, logrando que un público que aínda estaba a chegar ao recinto unísese á súa festa dosmilera. Pola súa banda, Begut, visitaba por segunda vez o festival, previamente facíao xunto a Carlos Ares. E xa era a quenda dos pratos fortes do venres: La Paloma e Bum Motion Club que coa súa enerxía pecharon esa noite xunto ao río.

 

 

O sábado puxo o broche de ouro a esta décima edición cunha programación musical que comezaba xa ao mediodía. O concerto de Adrian Timms foi o arranque ideal dunha hora do vermú na que, xunto á proposta dos Parrandas e, máis tarde, as actividades para todos xunto ao río, os asistentes puideron desfrutar do mellor preludio para unha noite inesquecible. Esta “segunda parte” da xornada arrincaba co local Sr. Jingles que celebraba o seu tamén décimo aniversario xusto antes dunhas Hinds que ofreceron un concerto perfecto para despedir a tarde. Xa de noite, Morgan lograba congregar fronte ao escenario principal a unha multitude que vibrou de principio a fin coa forza do seu rock clásico. Máis tarde, L.A., Puño Dragón e DJ90, “mantiveron esa maxia que fará esta edición inesquecible”, aseguran dende o festival.

 

 

Mención especial merece tamén o Mini SilFest, que volveu posicionarse como un dos espazos máis queridos e especiais do festival. Os concertos de Henriko e Paco Nogueiras, xunto a talleres e actividades participativas, reuniron a decenas de familias durante toda a fin de semana e reafirmaron o compromiso do SilFest cunha programación pensada para todas as xeracións.

 

 

Dez anos despois do seu nacemento, o “SilFest Valdeorras demostra que é posible seguir crecendo sen renunciar aos acenos de identidade que o fan único: un evento de formato humano, onde a música convive coa paisaxe, o viño, a gastronomía e o ritmo pausado dunha contorna privilexiada”, aseguran dende a organización despide esta edición co “agradecemento a artistas, patrocinadores, institucións, voluntariado e, especialmente, a un público que volveu a converter o SilFest nunha auténtica celebración colectiva”.

 

 

A falta dos datos de asistencia, o décimo aniversario xa forma parte da historia do festival e “desde hoxe comeza a conta atrás cara á undécima edición”.

As imaxes desta información son da madrugada do domingo, coas acuacións de Puño Dragón e Dj 90.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella e cedidos.

Back to top button