A RúaConcellosÚltima hora

‘O Son da Estación’, adiado polos incendios, celebrarase finalmente o 18 de outubro na Rúa

O festival, cuxa celebración estaba inicialmente prevista para o 15 de agosto, mantén o seu cartel cos directos de bandas de referencia da escena musical galega como Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia e Green Angels

‘O Son da Estación’ o ano pasado na Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia aterran na Rúa este outono cunha nova edición do festival ‘O Son da Estación’.

O festival, cuxa celebración estaba inicialmente prevista para o 15 de agosto, pero tivo que ser adiado por mor dos incendios, ten xa a nova data para a súa celebración: será na tarde-noite do sábado, 18 de outubro, na praza da Estación desta localidade valdeorras. O evento, que reúne algunhas das mellores figuras da escena musical galega do momento, conta no seu cartel con Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia, Green Angels e Señora DJ. A Xunta de Galicia dálle cobertura a esta cita singular co talento galego, con entrada de balde para todos os públicos.

 

 

A voz auténtica e única de Carlos Ares, as súas raíces galegas e os seus sons vangardistas converteron ao artista na grande revelación da escena musical estatal dos últimos tempos. En A Rúa, o músico presentará o seu impecable indie pop e folk, que navega entre a tradición e a modernidade, con cancións que respiran emoción e autenticidade. Xunto a el, actuará, tamén, Agoraphobia, a troupe de rock alternativo nada en Boiro, que regresou a comezos de ano ás ondas con Eyes Never Lie –o primeiro avance do seu novo álbum que sairá á luz en outono. O público de O Son da Estación poderá descubrir en vivo este novo tema, como testemuña de toda a intensidade e as letras profundas da banda, que nunca defraudan. Asi mesmo, o premiado artista, cantareiro e bailador Mondra súmase tamén á festa para presentar os temas do seu segundo e recente traballo discográfico DE RONDA, ademais doutros dos seus hits máis celebrados. Finalmente, Señora DJ será a encargada de amenizar as pinchadas aos pratos.

En palabras do director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, “co apoio dos Concertos do Xacobeo, da Xunta de Galicia, ‘O Son da Estación’ regresa á Rúa cunha proposta fresca que apoia o mellor talento musical galego, cos sons máis ricos e celebrados: do rock alternativo ao pop, da música tradicional á electrónica. Da nosa man, figuras da relevancia de Carlos Ares ou Mondra actuarán en directo para centos de persoas das idades máis diversas, poñendo en valor a música en vivo en localidades diversas, lonxe de grandes urbes ou os macro festivais, cunha proposta atractiva e auténtica, que enriquece á nosa contorna este outono, nunha zona que se recupera dos incendios sufridos este verán”.

 

Back to top button