Volve á Rúa o ciclo ‘O Son da estación’. A cita, que achega a todos os públicos algunhas das mellores figuras da escena musical galega do momento, recalará de novo en Valdeorras da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia o vindeiro 15 de agosto cun cartel de luxo que era presentado na mañá deste venres 11 de xullo polo director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, nun acto celebrado no Concello da Rúa ao que tamén asistían o director do festival Jorge Álvarez; o concelleiro e membro do equipo de Goberno José Vicente Solarat; e a alcaldesa, María G. Albert.
Do apartado musical desta cita para todos os públicos que terá lugar na praza da Estación a partir das 20 horas e con entrada de balde, falaba Jorge Álvarez, destacando a colorista imaxe e a calidade artística. “Temos un cartel impecable. Dende KillVir Dj que amenizará os cambios entre as bandas ou Green Angels, a banda local de xente xove que abrirá o festival, ata Agoraphobia e Mondra, poñendo a guinda do pastel Carlos Ares, sen dúbida algunha un dos referentes a nivel nacional da música pop actual que ano pasado estivo no SilFest Valdeorras e gustou moito”, di Jorge.
A voz auténtica e única de Carlos Ares, as súas raíces galegas e os seus sons vangardistas converteron ao artista na grande revelación da escena musical estatal dos últimos tempos. En A Rúa, o músico presentará o seu impecable indie pop e folk, que navega entre a tradición e a modernidade, con cancións que respiran emoción e autenticidade.


Xunto a el, actuará tamén, Agoraphobia, a troupe de rock alternativo nada en Boiro, que regresou a comezos de ano ás ondas con Eyes Never Lie o primeiro avance do seu novo álbum que sairá á luz en outono. O público de ‘O Son da Estación’ poderá descubrir en vivo este novo tema, como testemuña de toda a intensidade e as letras profundas da banda, que nunca defraudan. Así mesmo, o premiado artista, cantareiro e bailador Mondra súmase tamén á festa para presentar os temas do seu segundo e recente traballo discográfico De ronda, ademais doutros dos seus hits máis celebrados.
En palabras de Xosé Merelles, “co apoio dos Concertos do Xacobeo, da Xunta de Galicia, O Son da Estación regresa á Rúa cunha proposta fresca que apoia o mellor talento musical galego, cos sons máis ricos e celebrados: do rock alternativo ao pop, da música tradicional á electrónica”. Neste sentido, subliñou que figuras da relevancia de Carlos Ares ou Mondra actuarán en directo para centos de persoas das idades máis diversas, “poñendo en valor a música en vivo en localidades diversas, lonxe de grandes urbes ou os macro festivais, cunha proposta atractiva e auténtica, que enriquece a nosa contorna”.


A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Noia Harp Fest e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, entre eles, este ciclo de ‘O Son da estación’.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano.

Na súa intervención, José Vicente Solarat agradeceu a atención que leva prestado a Axencia de Turismo de Galicia a Valdeorras e sobre todo á Rúa. “Todo o programa lúdico festivo que desenvolve o Concello ten o seu apoio, de feito no que vai de ano levamos celebrada unha ducia de actividades co seu patrocinio, o que é de agradecer”.
Tamén agradecida se amosaba a alcaldesa, María G. Albert, pola aposta que está a facer pola Rúa, destacando que para o Concello a “actividade cultural e nomeadamente a musical é unha pata fundamental da acción de goberno”, reafirmando unha vez máis que o gasto en cultura “é un investimento”, dixo, avanzando a programación cultural do verán na Rúa que vai moito máis alá das festas e abarca practicamente todo o mes de agosto.
Fotos: Carlos G. Hervlella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.
