OurenseÚltima hora

O subdelegado do Goberno anima a centros educativos e a familias a participar nas actividades do Plan Director

A Policía Nacional e a Garda Civil impartiron no curso 2024/25 un total de 696 charlas, nas que predominaron as temáticas de acoso, ciberseguridade, adiccións e violencia sobre a muller

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou hoxe a pais, nais, titores e centros educativos da provincia de Ourense a participar nas charlas e actividades que se celebrarán durante este curso 2025/26 no marco do Plan Director do Ministerio do Interior. “No pasado ano académico foi un auténtico éxito con 32.765 participantes totais e agardamos que medre este número para que a educación en igualdade, respecto, seguridade e tolerancia chegue a todo o mundo”, destacou o subdelegado.

Na Comisión Provincial do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas, presidida por Eladio Santos, participaron o director da área de Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno en Galicia, Xosé Lois García; o capitán da Garda Civil Ramiro García; o inspector delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional José Antonio Armero; o inspector de Educación Rubén Veloso, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias.

Na reunión realizouse a presentación do Informe de Actividades do Plan Director do pasado ano académico, no que participaron 32.765 persoas, das que 30.229 foron alumnos e alumnas; 1.319 familiares e 1.217 profesores e profesoras. “O total de participación medrou un 7 % en comparación co curso 2023/24, pero só se incrementa a asistencia de estudantes, polo que temos que facer un maior esforzo para chegar a pais, nais e titores e tamén ao profesorado”, instou o subdelegado.

 

 

O total de conferencias impartidas nos 155 centros participantes da provincia durante o pasado curso foi de 696, nas que se abordaron os seguintes temas: acoso e ciberacoso escolar (210); TIC e ciberseguridade (155); adiccións con e sen substancias (82); violencia sobre a muller (68); seguridade viaria (49) protección de datos persoais (34); protección do medio ambiente (27); orientación profesional (20); prevención de delitos sexuais (18); discurso e delitos de odio (16); explotación e trata de seres humanos (3) e outras temáticas (14). A estas charlas, súmanse 30 actividades complementarias, como exposicións, exhibicións e visitas.

Eladio Santos subliñou os beneficios do Plan Director para lograr a sensibilización e formación sobre os riscos das tecnoloxías, a xestión da intimidade e a seguridade nas redes sociais, e concienciar sobre a importancia da educación en igualdade. Ademais, agradeceu tamén a implicación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en formación e prevención dos estudantes para lograr un maior benestar na convivencia do futuro.

Back to top button