ConcellosÚltima horaVilamartín

O subdelegado do Goberno en Ourense destaca o “firme apoio do Goberno de España ao sector vitícola” afectado polos lumes

Visitaba a un viticultor de Vilamartín de Valdeorras afectado polo lume de Larouco e subvencionado polo MAPA

 

Ata un viñedo vilamartinés desprazábase nesta mañá de 30 de xaneiro o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. Dende alí destacaba “o firme apoio” que brinda o Goberno de España ao sector viticultor ourensán, como amosa o pago de axudas directas aos agricultores e gandeiros afectados polos devastadores lumes forestais do 2025, tal e como anunciara na súa visita a Valdeorras en setembro o ministro de Agricultura, Luis Planas.

En concreto, Eladio Santos, reuníase co viticultor autónomo José Luis Rodríguez Ferrer, de Vilamartín de Valdeorras, un municipio que resultou afectado polo incendio orixinado en Larouco, o maior da historia de Galicia. “Cada agricultor e cada gandeiro das zonas afectadas pola emerxencia de Protección Civil, o que se coñece como zona catastrófica están reicibindo dende o 3 de decembro axudas de ata 10.000 euros por perda de renda e por afectacións destes lumes. E estano recibindo sen facer trámite ningún, simplemente por estar dados de alta como no Rexistro de Explotacións Gandeiras e Agrarias. Son 4,9 millóns de euros para a provincia de Ourense”.

Nesta liña, o subdelegado lamentou que os grandes incendios forestais afectaron á produción agrícola, á economía rural e ao traballo de xeracións de familias”. “É imprescindible que todas as Administracións esteamos do lado dos agricultores e gandeiros para que o noso mundo rural teña futuro”, remarcou.

Pola súa banda, José Luis Rodríguez, amosaba o seu agradecemento ao Goberno de España polo seu apoio aos agricultores tras a traxedia dos incendios do verán, “é unha axuda moi importante, tendo en conta dos danos do lume. Nesta axuda non reclamamos nada e veu o ingreso, sen embargo, da solicitide que presentamos en Medio Rural polo de agora non recibimos nada, prometérono e estamos esperando”.

 

 

27,8M€ de axudas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comezou o 3 de decembro a pagar os máis de 27,8 millóns de euros en axudas directas a 9.679 agricultores e gandeiros de toda España. As persoas beneficiarias recibiron a través do seu teléfono móbil o aviso do ingreso da axuda na conta da súa entidade financeira. As contías das subvencións concedidas oscilan entre os 1.500 e 10.000 euros.

O groso das axudas, 21,5 millóns de euros, destínase a 3.446 afectados, para compensar a perda de renda; desta partida, máis de 4 millóns de euros son para Galicia. Os outros 6,3 millóns de euros corresponden á elevación da subvención pola contratación do seguro agrario, ata o 70% do custo da póliza, e recíbeno 6.647 titulares de explotacións que ven cuberto parte do custo do seu seguro agrario; máis de 965.000 euros desta axuda foron para Galicia.

 

 

Reconstrución de infraestruturas

O subdelegado explicou que este investimento se suma aos 3,8 millóns de euros que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible destina ás obras de reparación das principais estradas da provincia afectadas polos lumes forestais e aos case 9 millóns de euros destinados a subvencións para reparar estradas municipais danadas polo mesmo motivo en toda España, aberta ata o 5 de febreiro. Esta convocatoria, aprobada o 29 de decembro de 2025, está dirixida a concellos, deputacións, consellos insulares, comunidades autónomas uniprovinciais, comarcas e mancomunidades.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button