OurenseÚltima hora

O subdelegado do Goberno en Ourense presenta un Punto Violeta en UGT na cidade

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebraba na mañá deste 13 de novembro o reforzo da rede de Puntos Violeta para apoiar ás mulleres vítimas de violencia machista na provincia de Ourense. Fíxoo durante a presentación deste novo recurso na sede de UGT Ourense, que xa funciona como un lugar seguro. Estivo acompañado pola secretaria de Igualdade UGT-Galicia, Trinidad Campo, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias.

Eladio Santos subliñou o compromiso de UGT Ourense na loita contra a violencia de xénero. “Damos un paso máis no despregamento de Puntos Violetas impulsados polo Goberno, consolidando esta iniciativa no ámbito sindical como ferramenta para a prevención, a sensibilización e apoio ás vítimas de violencia de xénero”, apuntou.

O subdelegado fixo un chamamento a toda a sociedade para loitar contra a violencia machista, unha lacra que este ano se levou a vida de 36 mulleres en España, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. “A violencia de xénero é unha realidade que afecta a moitas mulleres día tras día e é necesaria a implicación de tódalas administracións públicas e axentes sociais para erradicala”, subliñou.

 

 

A Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense impartiu a formación necesaria para poñer en marcha o Punto Violeta no sindicato. Ademais, facilitáronse os seguintes materiais: a Guía Punto Violeta para actuar fronte á Violencia Machista; distintivos para identificar ás persoas implicadas; folletos informativos para repartir e carteis e adhesivos cun código QR vinculado a Guía Punto Violeta, que teñen como obxectivo sinalar que ese espazo é un lugar seguro para as vítimas.

A rede de Puntos Violeta medra na provincia de Ourense, pois xa está en servizos como o Servizo Estatal de Emprego (SEPE), o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), a Axencia Tributaria (AEAT), o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, a Comandancia da Garda Civil, os Paradores de Santo Estevo e Verín e a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Ferramenta do Ministerio de Igualdade

O Punto Violeta é un instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista e estender a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. Forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios do Goberno de España e supón un cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que require da implicación do conxunto da sociedade para acabar con ela.

Back to top button