Ata as instalacións da marca valdeorresa Mel O Marquesado (da empresa Manufacturas Partner, S.L.) , cuxas instalacións están en Porto (Rubiá), desprazábase no mediodía deste luns o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. Alí poñía valor este tipo de proxectos pequenos, de de gran valor para pór en valor o rural, e tamén se refería ao esforzo do Goberno de España para salvagardar a apicultura, declarada polo Consello de Ministros como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Despois de ver as instalacións, o subdelegado do Goberno feliciaba aos donos da sociedade, Antonia Franco e Jens Kleinwächter, polos seus “excelentes produtos” da marca O Marquesado e polo seu “compromiso cun modelo de produción sostible”. “Este é un exemplo claro de como tradición, sustentabilidade e emprendemento poden ir da man”, remarcaba.

Para Santos “este é un proxecto interesantísimo de produción de derivados do mel, mel e pole que estamos vendo aquí. Son produtos de altísima calidade, de mel de montaña, que non só contribúen ao desenvolvemento económica da zona, do concello de Rubiá e da comarca, cun modelo de empresa moi sostible, ecolóxico e comprometido. A apicultura é ademais unha actividade que garante a sostibilidade e a biodiversidade porque estamos no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra”.
Ademais aludía aos riscos que afectan á actividade apícola, entre eles os incendios e a presenza de especies invasora como a Vespa velutina.
Santos explicou que o Consello de Ministros declarou recentemente a apicultura como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial de España. Esta decisión ten como obxectivo “contribuír á salvagarda, o coñecemento e a continuidade dunha práctica ancestral, profundamente arraigada na nosa identidade e que, ademais, achega enormes beneficios ao ecosistema”.
Neste sentido, indicou que a apicultura representa “valores de esforzo, respecto polo medio ambiente e conexión coa terra”. “Con todo, tamén é unha actividade que enfronta serios desafíos, especialmente os derivados do cambio climático, que ameazan tanto ás abellas como á biodiversidade en xeral”, engadiu o subdelegado.

Pola súa banda, Antonia Franco, unha das responsables da empresa visitada, explicaba que o nome da súa marca de mel alude “ás zonas de Porto, Real e Robledo, que se chaman O Marquesado. Temos 350 colmeas, de momento, non queremos medrar moito para manter certa calidade, dedicarnos ao apiturismo e ter tempo para outros proxectos”.
Os seus produtos son mel de montaña e mel multifloral (co 85% de flor de castiñeiro). “En xeral os meles na provincia de Ourense son boísimos, temos que estar orgullosos e darlle máis valor”, matiza Franco. Ademais elaboran pole multifloral, “que se vende moi ben”, e tintura de propópoleo, “un antibiótico natural, un produto moi interesante e que tamén ten unha moi boa acollida”.
Antonia Franco adiantaba ademais ao Periódico O SIL no decurso desta visita que “para o ano que vén temos en proxecto un xarope con menta, propóleo e mel completamente natural”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
