OurenseÚltima hora

O subdelegado do Goberno na clausura das xornadas polo Día da Seguridade Viaria no C.P. Pereiro de Aguiar

Os internos asistiron a diferentes relatorios de sensibilización durante a semana e escoitaron a Dani Fernández, vítima dun sinistro viario

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou esta tarde a importancia de “promover a cultura da seguridade viaria” nos centros penitenciarios para impulsar a concienciación necesaria do conxunto da sociedade. Así o expresou durante a clausura das xornadas celebradas esta semana no Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar con motivo do Día Mundial da Seguridade Viaria, que foi o pasado martes, 10 de xuño.

Na súa intervención, Santos explicou que a educación é fundamental para garantir a seguridade nas estradas. “Asumir unha condución segura é comprender a relevancia de cada decisión que se toma ante o volante e ter claro que o alcohol, as drogas, as distraccións ou o exceso de velocidade non son só leves fallos, senón que son condutas neglixentes que poden ter consecuencias fatídicas”, remarcou.

Neste sentido, o subdelegado resaltou o claro obxectivo do Executivo central: cero vítimas. “Ese é o único horizonte aceptable e cara el debemos camiñar todos: desde as Administracións, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os centros penitenciarios ata cada un dos cidadáns”, sostivo.

 

 

Por iso, Eladio Santos felicitou ao director do Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, Francisco González, por solicitar esta iniciativa “tan necesaria” e agradeceu a implicación da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), do Subsector de Tráfico da Garda Civil e da Asociación de Autoescolas de Ourense, que fixeron posible estas xornadas que remataron hoxe.

Desde o luns, os internos acudiron a diferentes relatorios sobre a normativa de tráfico, o permiso por puntos, a educación viaria no sistema educativo, as campañas de divulgación, as condutas de risco ao volante, os delitos contra a seguridade viaria, os cursos de recuperación de puntos e as mercadorías perigosas, entre outros asuntos. A iniciativa culminou coa visita de Dani Fernández, vítima dun sinistro viario, e a proxección do documental “Mil sorrisos e un perdón”.

Back to top button